Quen queira ver en persoa en con todo luxo de detalles como as ideas innovadoras se converten en empresas de empuxe, vai ter unha oportunidade de ouro á volta do verán na quinta edición da feira Pont-Up Store, que se celebra en Pontevedra dando acubillo a empresas de sectores do máis variado (novas tecnoloxías, moda, deseño gráfico, alimentación, educación, lecer, etc) pero co nexo común de teren proxectos novos entre mans. O encontro, segundo nos conta a organización, xa comezou a facer ruído. E faino cunha campaña que reivindica “o talento transformador como enerxía para cambiar o mundo”, e que está protagonizada por unha emprendedora heroína retrofuturista que se inspira nos videoxogos. Esta edición xirará arredor da tecnoloxía e a aprendizaxe e, en palabras da organización, “adicará parte da programación a celebrar dun xeito moi especial estes cinco anos de percorrido”.
Por certo que a campaña, amais de carta de presentación, tamén sirve para abrir o prazo para a presentación de contribucións. A feira desenvolverase os días 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España de Pontevedra. Esta iniciativa, liderada polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, é froito da cooperación de máis de 35 entidades públicas e privadas. Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands de balde dispoñibles; propoñer actividades de dinamización dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés, no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 4 mulleres escoitantes, representantes de importantes empresas e entidades galegas.
Por certo que o Puntazo Exprés vén este ano coa novidade de que as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das ouvintes. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades dende este 29 de maio ata o 8 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 24 de xullo.
A organización tamén quere salientar o traballo da Comunidade UP!, que comezou a funcionar hai dúas edición e que está integrada por todas as persoas emprendedoras que pasaron polo encontro, tecendo “unha gran rede galega de emprendemento”. Esta comunidade, que protagonizou a campaña da pasada edición, será nesta ocasión o eixo central das celebracións do quinto aniversario, na que se inclúen a mostra Cos cinco sentidos e xeiras de presentacións e networking gamificado.
Volvendo á campaña deste ano, lembrar que está inspirada no periplo “dunha intrépida moza”, decidida a lograr o éxito da súa misión emprendedora grazas ao impulso que recibe no Pont-Up Store. A acción trasládanos a unha Pontevedra retrofuturista situada nun mundo paralelo, onde o talento, tal e como se sinala na campaña, é “a enerxía capaz de transformar o mundo”. A moza chámase Kore, nome que na mitoloxía grega fai referencia á deusa da iniciativa, a curiosidade e a renovación. A clave argumento é a seguinte: a rapaza recibe unha chamada á aventura, lánzase, cruza o limiar, abandona a súa realidade e mergúllase nun mundo descoñecido onde recibe a axuda dun pequeno robot que sostén nas súas mans e que a vai guiando cara o seu obxectivo. Neste punto atópase a escena que se representa na ilustración da campaña, obra de Iván Pan, de Seele Comunicación, unha das empresas que forma parte da Comunidade UP! O destino de Kore é a estación flotante de Pont-Up Store, que xira arredor de Pontevedra e que se presenta como un lugar “de encontro, de cooperación, de aprendizaxe, de proxección e de recursos que explotar”.
A quinta Pont-Up Store abre prazo de presentación cunha campaña retrofuturista
Compartir Este Artigo
