Onte proseguiron no Fórum Carballo as sesións da terceira entrega das Xornadas Empresariais de Bergantiños, organizadas pola consultora Eurogabinete coa colaboración do Concello de Carballo, o ICEX e a Asociación Castaño y Nogal. A xeira deste 30 de maio, desenvolvida baixo o epígrafe Adaptarse para competir con éxito cando todo cambia, foi a derradeira desta terceira edición e xirou en parte arredor das cousas que poden facer as novas tecnoloxías e os procesos de dixitalización para sermos mellores e máis competitivos. Asemade, púxose no foco no importante factor de empregabilidade que achegan as TIC. Segundo se fixo saber, no mercado español hai 350.000 postos de traballo que están sen cubrir aínda “por falta de formación dixital”.
A tarde comezou cun relatorio a cargo de Sergio Prieto López, director territorial de Comercio do Galicia (ICEX), quen, baixo o título Internacionalización da empresa española no mercado global. Experiencias e recomendacións, debullou a misión, visión e valores do ICEX, facendo fincapé no seu equipo humano (máis de 600 profesionais traballando moi preto das empresas con presenza nos 5 continentes a través dunha ampla rede de oficinas económicas e comerciais) e nunha das súas principais razóns de ser: cooperar coas cámaras de comercio e organizacións empresariais e ofrecer solucións para a consolidación ou implantación das empresas no estranxeiro. Tamén explicou como elaborar unha estratexia alén da nosa terra e como se pode empezar a exportar, para o que o ICEX proporciona ferramentas de axuda en liña e de promoción.
A segunda parte foi abordada desde Santiago de Chile por Rafael Coloma Ojeda, conselleiro económico comercial xefe da Embaixada de España do devandito país, quen falou dos requisitos e recomendacións para realizarmos operacións comerciais con Chile, recordando que “a globalización non debe facernos esquecer que cada mercado ten as súas características locais ás que debemos adaptarnos”.
A substitución xeracional na empresa familiar foi un dos temas sobre o que versou o relatorio do notario coruñés Isidoro Antonio Calvo Vidal, doutor en Dereito e membro do Grupo de Expertos do Consello da Unión Europea para a interconexión dos rexistros testamentarios, que fixo fincapé, non só na necesidade “de facermos testamento dos nosos bens”, senón tamén na conveniencia de planificar axeitadamente a sucesión xeracional na empresa, explicando as diferentes vantaxes fiscais que supón delimitar o patrimonio persoal e societario.
A continuación foi a quenda do vogal asesor da Oficina Económica de Presidencia do Goberno, Antonio Martínez-Ligero Sánchez, quen indicou que “a política de estabilidade orzamentaria e de reformas, sumada ao esforzo de empresarios e traballadores, deu á situación un xiro de 180 graos”. Agora, dixo, “a nosa economía reorientouse aos mercados internacionais e non precisa endebedarse para medrar”, engadindo “que a transformación dixital é unha auténtica revolución tecnolóxica que nos obriga a manobrar decontado para poder aproveitar as oportunidades que ofrece”.
O acto de clausura correu a cargo de Antonio Alvarez González, avogado consultor de PEME e director das Xornadas Empresariais, quen lembrou o importante que é innovar e asumir procesos de dixitalización para competir no mercado actual. En termos máis concretos, recordou que un terzo das empresas que se constitúen non chegan ao quinto ano de vida, e só o 10% sobreviven aos 10 anos. Asemade, informou que en España hai 350.000 postos de traballo que están sen cubrir por falta de formación dixital.
Para rematar, Evencio Rodríguez Ferrero, alcalde de Carballo, clausurou cunha breve intervención as terceiras xornadas, agradecendo a Eurogabinete o seu esforzo na preparación e participación nestes encontros e destacando “a categoría técnica dos relatores”, emprazando a todos os asistentes a unha cuarta entrega do evento, novamente na vila bergantiñá.
As xornadas de Bergantiños salientan a alta cifra de postos de traballo que non se cobren por falta de formación TIC
Compartir Este Artigo
