Este venres 1 de xuño temos unha cita cas/os profesionais da nosa terra que contribúen co seu labor e compromiso á plena inclusión de Galicia na nova era da comunicación dixital, con todo o que iso implica (cousas como a Industria 4.0, as redes do futuro, as Cidades Intelixentes, a Internet das Cousas, a intelixencia artificial, os novos xeitos de accedermos aos contidos, etc). Estamos a falar da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebra esta sexta feira a partir das 20.00 horas no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo.
A gala, que contará con preto de 300 asistentes, vén da man do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), que dirixe Julio Sánchez Agrelo. Precisamente, Sánchez Agrelo será o encargado da inauguración do evento cun discurso de benvida no que falará do conseguido pola nosa terra en materia tecnolóxica e dos retos que nos depara o futuro inmediato.
A continuación, serán as quendas de Joaquín Lameiro, Enxeñeiro do Ano 2018, Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta en Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo.
O fito principal do acto estará marcado pola entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2018. En total, vanse entregar cinco galardóns. O primeiro deles distingue o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, galardón que este ano recae no proxecto Litter Drone, seguimento e control do lixo mariño empregando drons e análises de imaxe dirixido por Fernando Martín, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
O Premio Gradiant á Mellor Tese de Doutoramento Aplicada ao Sector TIC recae en David Vázquez polo seu traballo Detection of image resampling and video encoding footprints for forensic applications.
Doutra banda, o Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións distingue o labor de ABANCA.
Enxeñeiro do Ano e Socio de Honra
O Premio Enxeñeiro do Ano 2018 recae en Joaquín Lameiro pola súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións na nosa terra. Finalmente, o Premio Socio de Honra distingue a Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, polo pulo outorgado á entidade que dirixe en relación ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no eido sanitario.
A Noite Galega das Telecomunicacións xuntará en Vigo preto de 300 profesionais
Compartir Este Artigo
