Finalmente celebrouse este 1 de xuño unha das grandes citas tecnolóxicas do noso calendario de citas relevantes: a Noite das Telecomunicacións 2018, promovida polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). A cita, desenvolvida en Vigo (Hotel Los Escudos), xuntou uns 300 asistentes (enxeñeiras e enxeñeiros de Telecomunicación, representantes do noso tecido TIC e das nosas administracións, investigadores, etc) e serviu para salientar e visualizar o noso talento innovador (a través dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2018) e máis os principais retos tecnolóxicos da nosa terra nos vindeiros meses e anos. O acto contou coa presenza do alcalde da cidade, Abel Caballero, e do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves. A inauguración correu a cargo de Julio Sánchez Agrelo, decano co COETG, quen salientou que “a comunidade de telecos galegos é unha das máis relevantes de España”.
Para ilustrar a importancia do colectivo de enxeñeiras e enxeñeiros de Telecomunicación, o presidente do colexio lembrou que a primeira Escola de Informática de España “xurdiu como unha spin-off da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Madrid”. Segundo fixo saber “pódese interpretar este feito como que os telecos somos os pais da informática no noso país e iso lexitímanos aínda máis para reivindicar o noso papel no eido dixital”. Ao fío disto, Sánchez Agrelo reivindicou o papel fundamental que está chamado a representar o colectivo que representa o COETG-AETG na transformación dixital das nosas empresas, das nosas institucións e, tamén, da sociedade por enteiro. “Precisamente contribuír a este posicionamento constitúe un dos obxectivos do noso mandato”, dixo Sánchez Agrelo, que vén de cumprir un ano á fronte do colexio e da asociación. “Neste tempo, traballamos especialmente na dirección de tentar que se asocie o noso colectivo a ámbitos de actividade propios do mundo dixital como poden ser o da ciberseguridade, o das redes neuronais, o da intelixencia artificial, o da aprendizaxe das máquinas ou o do Big Data”.
Precisamente a información a gran escala e os desafíos e oportunidades que pon en xogo centraron tematicamente boa parte do programa da Noite. A gala, que foi presentada polo actor Federico Pérez, desenvolveuse baixo o seguinte epígrafe: Big Data: os telec@s cara á enxeñería do coñecemento.
A respecto do fenómeno dos datos masivos, o decano salientou que “do mesmo xeito que Internet mudou radicalmente o planeta ao engadir a compoñente de comunicación aos ordenadores, o Big Data revolucionará diversos aspectos fundamentais da nosa vida cotiá, cunha dimensión cuantitativa nunca antes vista e que pode ser especialmente útil en ámbitos tan diferentes como o científico, o empresarial ou o social”.
Xunto ao devandito, puxo en valor o papel de Vigo como sede da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, un centro que neste 2018 cumpre 33 anos. “Son xa 24 as xeracións de enxeñeiros de Telecomunicación e oito as de grado que se formaron nas súas aulas”, manifestou o decano, engadindo que por este e outros motivos, “consideramos una honra que nesta edición a nosa gran Noite se celebrase nesta cidade”.
Premios Galicia das Telecomunicacións 2018
No decurso do evento, levouse a cabo a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2018, promovidos polo COETG-AETG co apoio de numerosas empresas do sector. O primeiro deles distinguiu o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, galardón que este ano recaeu no proxecto Litter Drone, seguimento e control do lixo mariño empregando drons e análises de imaxe dirixido por Fernando Martín, profesor na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os membros do xurado valoraron “a calidade e o grado de innovación tecnolóxica deste proxecto mediante o emprego de sistemas abertos e a participación efectiva de axentes implicados no eido da sustentabilidade ambiental”.
O Premio Gradiant á Mellor Tese de Doutoramento Aplicada ao Sector TIC foi para David Vázquez polo seu traballo Detection of image resampling and video encoding footprints for forensic applications. Valorouse como razón determinante para outorgar esta distinción “o reto tecnolóxico de alto nivel ao que dá resposta o traballo, que contribúe á análise forense de probas mediante o incremento da confianza nos contidos dixitais, as transferencias tecnolóxicas á empresas e a solicitude de patentes”.
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións distinguiu o labor de ABANCA. O xurado recoñeceu “a utilización das TIC no proceso de transformación dixital da entidade financeira de cara a lograr unha banca máis áxil, próxima, transparente e innovadora”.
Pola súa banda, o Premio Socio de Honra distinguiu a figura de Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, polo “pulo outorgado á entidade que dirixe en relación ao desenvolvemento de novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no eido sanitario”.
Finalmente, O Premio Enxeñeiro do Ano 2018 recaeu en Joaquín Lameiro pola “súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país”. Enxeñeiro Superior de Telecomunicación pola ETSIT de Madrid, durante 38 anos desenvolveu a súa carreira profesional na industria das TIC e dos servizos de consultoría tecnolóxica.
Un esforzo colectivo
No seu discurso, o Enxeñeiro do Ano quixo pór en valor labor como colectivo dos enxeñeiros de Telecomunicación. “Un esforzo que, na nosa profesión antes e agora, non foi nin é patrimonio dun só, nin duns poucos”, asegurou Lameiro. “É o esforzo dun colectivo que traballou arreo nuns anos cruciais marcados por unha confluencia histórica e ao que correspondeu levar á sociedade a mensaxe e o convencemento de que con esa revolución tecnolóxica as cousas xa non serían, nin se farían, nunca máis da mesma maneira”, afirmou.
“Traballando desde a iniciativa privada, tamén creando empresas, ou no exercicio libre da profesión, ou traballando desde as administracións, ou nas operadoras que implantaron as infraestruturas que fixeron todo isto posible, e tamén, como no meu caso, traballando para organizacións moi focalizadas na informática e, en última instancia, multinacionais, o que estabamos a facer todos nós, cada un desde as posibilidades da súa actividade profesional, era, nun sentido moi concreto e definido, facer país, aquí, en Galicia”, finalizou.
Pola súa banda, o delegado da Xunta en Vigo sinalou na súa intervención que “o rápido avance da dixitalización está a xerar unha demanda de novos perfís profesionais tanto no ámbito tecnolóxico como fóra del. Tendencias como o propio Big Data, a Intelixencia Artificial ou a Internet das Cousas requiren dunha especialización difícil de atopar”, sinalou.
Entidades patrocinadoras
A Noite Galega das Telecomunicacións 2018 foi unha realidade grazas ao apoio e compromiso dunha serie de empresas e organizacións tales como AMTEGA, Acuntia, Cellnex Telecom, CGES, Coremain, Emetel, Ericsson, Evere, Extreme Networks, Puntogal, Gradiant, 3Indra, Insyte Instalaciones, IPM, Itelsis-Fundación, Optare Solutions, Orange España, Palo Alto Networks, Grupo PSN, R, RETEGAL, Satec, Semi, Smartel, Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo, Telefónica, Televés, Tesec, Ufinet e Zener.
