O fabricante HTC leva uns anos nunha situación económica moi feble, que levoulle a que o ano pasado vendese por 1.100 millóns de dólares a Google boa parte do seu negocio (cun par de milleiros de empregados incluídos), e continuando cos seus axustes, anúnciase agora que vai recortar 1.500 postos de traballo nas súas fábricas en Taiwán, o que supón prescindir da cuarta parte dos seus traballadores (en xuño contaba con 6.450 traballadores en todo o mundo).
Os despedimentos por parte de HTC completaranse a finais de setembro, e entra dentro dun plan máis amplo que supón a reunificación dos negocios de teléfonos e realidade virtual (segregados anteriormente) en todas as rexións.
Con todos estes axustes HTC pretende converterse nunha empresa viable a finais de ano, o que haberá que ver se conseguen cumprir despois de anos en caída, xa que non conseguiu recuperar a súa posición pioneira no mercado dos smartphones e o sector da realidade virtual non conseguiu o pulo dabondo para compensar as perdas da división de móbiles.
Pese aos malos resultados financeiros, no ámbito da realidade virtual cómpre lembrar que o sistema de VR para equipos informáticos mellor valorado do mercado é HTC Vive (posto que conseguiron revalidar cunha versión Pro do seu casco), converténdose practicamente no estándar para solucións comerciais, pese a que compiten con xigantes como Facebook coas súas Oculus Rift, o que ten moito mérito por parte da compañía asiática.
HTC despedirá á cuarta parte dos seus traballadores
Compartir Este Artigo
