Non foi dabondo o escándalo provocado polo mapa de calor da aplicación de rexistro de actividade física Strava, que mediante GPS indicaba onde facían exercicio os seus usuarios, desvelando a identificación de múltiples bases militares, e a historia repítese coa aplicación Polar Flow, dos reloxos de actividade de Polar, que ata o pasado venres publicaba tamén mapas de actividade, que foron ocultados da Rede despois de que De Correspondent e Bellingcat desen conta de que a aplicación facilitaba a localización de axencias de intelixencia, bases militares, embaixadas, bases nucleares e mesmos dos fogares de militares e espías.
Dende Bellingcat salientan a facilidade coa que podía empregarse o mapa público de Polar Flow para localizar os fogares das persoas que traballan en bases militares, sendo incluso bastante doado chegar a identificar aos militares polo seu nome completo, en contraste coas medidas de seguridade que teñen habitualmente as institucións militares. Ao poder acceder a un histórico dende 2014 podiamos localizar a un militar no seu fogar, pero despois poder coñecer os seus destinos e as rutas polas que se move nos mesmos, facilitando así a identificación de bases militares por todo o planeta, localizacións das embaixadas… servindo tamén a información publicada para coñecer os militares que traballan en submarinos, as persoas que traballan en centrais nucleares, identificar a membros do FBI e a NSA ou incluso saber se un militar participou en certos operativos en zonas de conflito, información que podería ser moi perigosa en malas mans, e que estaría a facerse pública non por culpa de Polar, senón da neglixencia dos propios afectados, que estarían a compartir a súa actividade nunha plataforma social aberta ao público.
En De Correspondent aseguran ter localizado 125 bases militares, 48 instalacións de almacenamento de armamento nuclear, 18 axencias de intelixencia, 6 bases de drons, 4 embaixadas, 2 centrais nucleares, 2 residencias reais, 1 academia de policía e a Casa Branca entre as localizacións dun bo número de datos analizados dos publicados por Polar, e que non serían exhaustivos, polo que realmente o número de posicións expostas a este tipo de filtracións sería aínda maior. Os datos tamén serviron para identificar (con nome e enderezo) a persoal de axencias de intelixencia de EE.UU., Reino Unido, Francia, Rusia e Países Baixos, así como a persoal militar en Guantánamo, Iraq, Afganistán, Corea do Sur…
Este caso resultou ser bastante máis grave que o de Strava, xa que facilitaba extraordinariamente a identificación das persoas que rexistraban os seus exercicios, de xeito que non só se poñían en perigo as localizacións sensibles ao indicar que había actividade ao redor das mesmas, senón que tamén permitía coñecer aos involucrados e incluso o seu lugar de residencia habitual, o que é un gravísimo fallo de seguridade que debería levar a unha reformulación profunda dos protocolos de seguridade das institucións militares e de intelixencia.
Un mapa de actividade de Polar facilita identificar localizacións secretas e ao seu persoal
Compartir Este Artigo
