Un grupo de alumnos do CPR Plurilingüe Fed Torre de Lemos de Monforte inauguraron as visitas guiadas ás instalacións do novo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. O voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos, acompañou aos estudantes durante os seu percorrido polo Centro de Produción de Audiovisuais, no que coñeceron os distintos departamentos dunha televisión así como o seu funcionamento, desde as salas de realización e edición ata o arquivo.
Santos Ramos animou aos rapaces a estudar no Centro de Formación de Audiovisuais, que, segundo lles fixo saber, é “o único da provincia que imparte ensino superior de realización e produción”.
Tamén lembrou que o Servizo de Audiovisuais da Deputación continuará co programa de visitas didácticas destinadas especialmente ao alumnado dos centros educativos da provincia.
O devandito servizo, como sinalamos recentemente dende Código Cero, é en boa medida o substituto da Fundación TIC da Deputación de Lugo e, polo tanto, terá entre os seus cometidos formar e capacitar en novas tecnoloxías e contidos dixitais e audiovisuais a persoas de todas as idades da provincia, poñendo o foco, especialmente, na xente nova e na xente maior. Esta iniciativa estase a impulsar co ano novo amplificando e optimizando o labor desenvolvido previamente pola Fundación TIC e o seu programa InLugo, de por si encomiable en materia de alfabetización tecnolóxica.
O Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo mostra as súas instalacións a estudantes de Monforte
Compartir Este Artigo

