
Este portal, segundo informou o Concello da Coruña, configúrase “como un lugar onde a cidadanía, de xeito transparente e participativo, pode entrar para coñecer máis sobre datos abertos ou vocabulario, atopar os fitos do proxecto e o avance das accións para conseguir que os concellos poidan xestionar e publicar datos abertos e participar, con achegas e suxestións”.
O Goberno da Coruña engade que a clave, tanto do espazo dixital como do proxecto en si, é o fomento da participación cidadá por defecto, tratando de incorporala en actividades lexislativas, de execución e de control que levan a cabo os concellos (propostas cidadás, orzamentos participativos, lexislación colaborativa e xestión do día a día) e de aplicar tamén o principio de “transparencia por defecto”.
Cun investimento de máis de dous millóns de euros, achegado nun 40% polos concellos da Coruña, Madrid, Santiago de Compostela e Zaragoza e nun 60% por Red.es grazas ao co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a vertente tecnolóxica da iniciativa está a ser materializada a través dunha unión temporal de empresas, xestionada pola multinacional española GMV en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid e LocaliData.
A idea última é permitir aos devanditos catro concellos incrementar a súa eficiencia e optimizar os recursos de innovación e tecnolóxicos logrando un maior alcance. “Isto reverterá claramente en beneficio dos seus veciños e veciñas, que obterán servizos públicos de calidade que respondan ás súas necesidades, sendo partícipes das decisións que se tomen para mellorar as súas cidades”, explican.
En marcha cidadesabertas.gal, impulsada polos concellos de Coruña, Santiago, Madrid e Zaragoza
Compartir Este Artigo

