O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) presentou este 1 de marzo en Santiago, ante unha ducia de profesionais, a súa Oficina de Transformación Dixital (OTD). A xornada, do mesmo xeito que a celebrada días antes en Lugo, acompañouse de dúas accións, ambas co nexo común de salientar o papel da profesión que representa o colexio no proceso de transformación dixital das nosas empresas, entidades, institucións e organizacións. Na primeira actividade interveu Pablo Pérez Vázquez, director de Xestión do ICOIIG, salientando a importancia das enxeñeiras e enxeñeiros industriais para axudar na transformación dixital das empresas.
Pérez Vázquez tamén falou das principais aplicacións prácticas das tecnoloxías de transformación dixital e mostrou diversos casos concretos de éxito coa intención de que os asistentes puidesen ver as posibilidades de aproveitar tamén nas súas empresas os recursos innovadores existentes para mellorar os procesos e chegar a máis clientes.
A continuación, José Manuel Castro Pérez, enxeñeiro industrial responsable de Vixilancia Competitiva do IGAPE, impartiu un relatorio no que se profundou no concepto de transformación, debullando a utilidade da computación na nube como un dos primeiros pasos do proceso. As persoas que asistiron á xornada interesáronse pola aplicación práctica desta tecnoloxía en casos reais e os sistemas colaborativos nas empresas representadas.
A xornada de hoxe enmárcase nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ao sete principais cidades galegas ata o vindeiro mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Os enxeñeiros industriais galegos mostran en Santiago o potencial da súa oficina dixital
Compartir Este Artigo

