Como medida desesperada para incrementar ingresos Twitter vén de anunciar que pecha o acceso á súa API de balde, de xeito que para que os servizos e aplicacións que acceden a contidos de Twitter ou que publican contidos na plataforma poidan funcionar deberán pagar por este tipo de acceso.
O peche da API de balde realizarase o vindeiro día 9, sen chegar a publicarse as condicións da súa equivalente de pagamento, para desesperación dos milleiros de bots e servizos que dependían da API actual, e que na súa meirande parte deixarán de funcionar e, con bastante probabilidade non volverán a estar operativos, xa que os cambios arbitrarios e sen a antelación debida do funcionamento de Twitter está a minar totalmente a confianza na plataforma.
O máis sorprendente deste movemento de Elon Musk á fronte de Twitter é que trátase da reiteración un erro, que o propio Jack Dorsey considera como a peor cousa que fixo Twitter na súa historia, e que tiveron que esforzarse en corrixir, polo que volver tropezar na mesma pedra só pode conseguir que Twitter pase a ser algo peor.
Queda agora por saber se Twitter fará unha excepción con usos académicos da súa API, pois se pretenden cobrar por iso simplemente expulsarán aos investigadores, prexudicando a Twitter a longo prazo.
O que cómpre salientar é que as principais plataformas que permiten automatizar publicacións en Twitter de xeito profesional, como Sprout Social, Buffer ou Hootsuite, xa saíron á palestra para deixar claro que non se ven afectados polos cambios nas condicións da API de balde de Twitter porque xa empregaban unha versión de pagamento da mesma.
Twitter anuncia o peche da súa API de balde
Compartir Este Artigo
