Nun momento no que se está a falar do bloqueo de TikTok nalgúns países por considerar que a aplicación podería non protexer suficientemente os datos dos usuarios ante inxerencias do Goberno chinés, resulta bastante sorprendente que poida sucede case o contrario, xa que o máximo responsable de WhatsApp, Will Cathcart, asegura que non reducirán a seguridade das mensaxes dos seus usuarios aínda que o solicite o Goberno británico, o que podería levar á prohibición de WhatsApp no Reino Unido.
Estas afirmacións de Cathcart chegan en apoio a Meredith Whittaker, presidenta de Signal, quen asegurou antes que Signal deixaría de operar en Reino Unido se obrigaban por lei á análise das mensaxes dos usuarios.
Cómpre lembrar que tanto Signal como WhatsApp fan uso de cifrado de extremo a extremo, ou sexa, que as compañías responsables destas plataformas de mensaxería non poden acceder aos contidos das mensaxes dos usuarios, e queren que as aplicacións continúen a operar así, pese a que en Reino Unido estean a promover unha lei que obrigue ás plataformas que permiten a mensaxería privada cifrada que adopten tecnoloxía para a detección e o borrado de material de abuso infantil.
Aínda que introducir tecnoloxía que puidese detectar pornografía infantil é unha demanda que parece razoable, o problema é que supón a redución da seguridade do sistema, e unha vez establecido podería perverterse completamente, xa que cada país (incluíndo réximes autoritarios) podería indicar os contidos contra os que habería que actuar, o que podería levar a censura e mesmo a control da poboación e identificación de disidentes, facendo cómplices ás ferramentas de comunicación de medidas que poderiamos considerar contrarias aos dereitos humanos.
WhatsApp e Signal non queren converterse en ferramentas de vixilancia masiva da poboación, pero tamén queren evitar o uso de tecnoloxías polémicas. Lembremos que Apple chegou a realizar probas cunha tecnoloxía de detección de pornografía infantil que se executaba directamente os dispositivos dos usuarios, e finalmente suspendeu a súa aplicación, dando a impresión de que non veremos nada semellante no futuro por terse considerado de xeito maioritario que era un atentado contra dereitos fundamentais.
WhatsApp podería deixar de operar en Reino Unido
Compartir Este Artigo
