O pasado 18 de decembro rematou en Ames o obradoiro de programación de videoxogos e electrónica, organizado pola Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC), no que participaron 48 rapazas e rapaces. Segundo informou o Concello de Ames, “a actividade tivo unha grande acollida, pois nos primeiros días de inscrición cubríronse todas as prazas ofertadas”.
A actividade desenvolveuse durante a última semana de novembro e mailo mes de decembro e consistiu nun obradoiro de programación de videoxogos e electrónica con Arduino. A actividade impartiuse en dúas quendas: a primeira, impartida o 27 de novembro e o 4 de decembro, estivo dirixida a nenos e nenas de 8 a 10 anos; a segunda, dirixida a rapaces e rapazas de 11 a 14 anos, impartiuse o 11 e o 18 de decembro.
Na primeira parte do obradoiro, os participantes crearon o seu propio videoxogo con Bloxels, unha plataforma de deseño de videoxogos que permite crear todo tipo de niveis, personaxes e aventuras, apto para todas as idades. Despois puideron experimentar cos seus propios videoxogos.
Na segunda parte, adicada á electrónica, programaron con Arduino, unha plataforma de creación de electrónica de código aberto baseada en hardware e software libre, flexible e doado de usar. No caso dos máis pequenos, programaron o movemento duns robots, mentres os máis maiores programaron placas con luces de LED, así como as luces dunhas árbores de Nadal.
Case medio cento de rapaces participaron nun obradoiro de videoxogos e electrónica na Aula AMTIC de Ames
Compartir Este Artigo

