O pasado mes de setembro anunciouse a listaxe de compañías que pasaban a ser consideradas gardiás ou gatekeepers no marco da Lei de Mercados Dixitais (DMA), que no caso das redes sociais incluíuse a Facebook, Instagram, LinkedIn e TikTok. Iso obriga ás compañías a ter unha serie de medidas de control na Unión Europea que non agradaron especialmente á compañía propietaria de TikTok, Bytedance, que levou a designación da súa rede social como gatekeeper ante a xustiza europea.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea respondeu finalmente ás reivindicacións de Bytedance cunha previsible negativa, por considerar o Tribunal que a Comisión Europea está facultada para considerar a Bytedance un gatekeeper, dado que TikTok ten un volume de usuarios activo superior ao esixido para ter tal consideración.
Os argumentos de Bytedance contra a súa designación como gatekeeper son moi febles, sendo innegable o impacto de TikTok no mercado europeo, tanto en número de usuarios afectados como na repercusión económica que supón a explotación desta grande base de usuarios.
O Tribunal tamén apunta a que a influencia de TikTok é especialmente notable entre o público máis novo; así como a velocidade do seu crecemento; de aí que considere imperativo esixirlle cumprir as mesmas condicións que a plataformas como Facebook ou Instagram.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea confirma que TikTok ten que someterse á DMA
Compartir Este Artigo

