
O Hostal dos Reis Católicos (Santiago) acolleu onte a celebración do V Encontro Trilateral APD de Galicia, Asturias e Castela e León, o primeiro acto enmarcado nos Foros de Competitividade APD. Na cita en Compostela achegáronse conclusións que nos tocan de preto, como a necesidade de transformar as nosas capacidades (unha elevada proporción de titulados STEM, portos competitivos, conectividade dixital e potencial enerxética) en “máis produtividade, emprego cualificado, investimento, innovación para comercializar e crecemento empresarial”.
Nesta sesión, á que acudiron máis de 200 persoas, puxéronse en común as conclusións dos consellos de competitividade celebrados previamente en cada comunidade na que a APD está presente, a partir da lectura dos seus respectivos barómetros e das propostas identificadas polas súas comunidades directivas.
A sesión contou coa participación de Francisco Botas, presidente de APD Zona Noroeste; Javier Sáenz de Jubera, presidente de APD Asturias; e Carlos Moro, presidente de honra de APD Castela e León, que trasladaron as principais conclusións e prioridades identificadas nos seus respectivos territorios; coa moderación de Ana Sánchez, directora da Zona Noroeste. O encontro contou, ademais, coa colaboración de Abanca, Barrilero, Cobre San Rafael, Constellium, ERA Group e Talengo.
No caso de Galicia, o Barómetro de Competitividade APD sitúa ao territorio en 38,84 puntos, aproximadamente dous por baixo de España. O diagnóstico mostra un perfil “relativamente similar ao nacional”, aínda que cunha fenda máis marcada en capacidade empresarial. A lectura de conxunto apunta a unha cuestión transversal: “Galicia dispón de capacidades, pero debe convertelas en resultados”. O diagnóstico identifica fortalezas na formación STEM (siglas de Ciencia, Tecnolóxica, Enxeñaría e Matemática), a conectividade dixital e a actividade portuaria.
No encontro salientouse que “Galicia presenta unha proporción de egresados STEM superior á española e á da Unión Europea, así como unha maior presenza de mulleres en ocupacións cualificadas, situada ao redor do 50,8%”. Tamén se destacou a penetración de ferramentas de xestión empresarial como CRM, ERP e Business Intelligence, por enriba da media europea.
“Estas capacidades”, explicaron, “conviven con retos no mercado de traballo e na transformación do coñecemento en actividade produtiva”.
Os expertos reunidos en Santiago indicaron tamén que “a poboación en idade de traballar contráese ao redor dun 1%, mentres que a ocupación xuvenil sitúase ao redor do 17%, fronte ao 22% español e o 33% europeo”. Ademais, a proporción de ocupación cualificada é menor e a fuga de talento constitúe unha preocupación para o territorio, apuntaron.
“A prioridade, por tanto, é conectar formación, actividade empresarial e innovación, de maneira que as capacidades dispoñibles xeren oportunidades profesionais e maior valor engadido dentro de Galicia”, salientaron.
Polo que respecta á capacidade empresarial, lembrouse que se trata dun dos ámbitos nos “que Galicia presenta unha brecha máis marcada”. O número de organizacións reduciuse nun 1,4% en cinco anos, e o tecido empresarial ten un tamaño medio inferior, especialmente pola menor presenza de grandes empresas de máis de 250 empregados. Tamén rexistra un menor valor engadido por organización, sinalouse, lembrando que “a estrutura dominada por microempresas pode dificultar a capacidade de afrontar investimentos, innovar, dixitalizarse, internacionalizarse e abordar a transición enerxética”. Por iso, os directivos identificaron como prioridade favorecer o crecemento das empresas de tamaño intermedio, capaces de vertebrar cadeas de valor industriais e xerar actividade de maior valor engadido.
Entre as propostas expostas figuran apoiar especificamente a estas compañías, tomando como referencia o modelo Mittelstand; fomentar fusións, adquisicións e fórmulas de complementariedade empresarial que permitan gañar escala sen perder arraigamento territorial; e facilitar a remuda xeracional para evitar a desaparición de empresas viables. Tamén se sinalou a importancia de desenvolver capital alternativo que acompañe o crecemento e a autonomía das compañías.
Sobre este apartado debateron no encontro desta mañá Dora Casal, directora executiva (CEO) de Roberto Verino; Adriano Mones, director Spain LATAM de Phoenix Contact E-Mobility; e Jesús Fernández, CEO de Grupo Sibuya; representando ás tres comunidades participantes; baixo a moderación de Gonzalo Cuervo, socio de Barrilero.
Máis investimento e enerxía como panca industrial

No informe da APD lémbrase que “Galicia presenta condicións de financiamento competitivas e unha evolución do excedente bruto de explotación superior á española, indicadores que reflicten potencial investidor”. Con todo, engádese que “a formación bruta de capital fixo non medra ao mesmo ritmo, o que apunta a unha oportunidade de investimento aínda non aproveitada suficientemente”.
Desde a perspectiva dos directivos galegos, resulta necesario “crear un marco que favoreza o investimento, o crecemento empresarial e a permanencia de compañías clave”. Entre as prioridades atópanse a mobilización de capital alternativo e a mellora das condicións para materializar proxectos industriais.
A enerxía identificouse como un factor estratéxico e diferenciador: “Galicia podería aproveitar o seu potencial para atraer actividade industrial, pero necesita abordar os custos asociados, a saturación da rede de evacuación e os colos de botella que dificultan atender nova demanda eléctrica”.
Sobre financiamento e investimento debateron Fernando Díaz, director xeneral de Cobre San Rafael; Manuel Ángel Pose, presidente executivo de Aluman; baixo a moderación de Víctor Casal, director executivo de banca corporativa, empresas e pemes de Abanca.
Innovación: conectar coñecemento, empresa e mercado
Os directivos coincidiron en sinalar que “Galicia conta cunha proporción de organizacións con gasto en I+D superior á media española e cunha elevada penetración de ferramentas dixitais”. Con todo, indicaron, “o gasto empresarial en Investigación e Desenvolvemento sobre o PIB é inferior á media, a xeración de patentes é baixa e a innovación non sempre se orienta a resultados de mercado”.
No Consello sinalouse que unha parte importante da investigación desenvólvese nas universidades públicas, pero que a súa transferencia ao tecido produtivo segue sendo limitada. “O reto é converter o coñecemento en produtos, servizos, procesos e modelos de negocio viables”, engadiron.
Entre as propostas figuran “reforzar a cooperación universidade-empresa, impulsar a incorporación de doutores ás compañías e favorecer unha maior conexión entre a investigación e as necesidades produtivas”. Tamén se expuxo integrar a innovación nas operacións, a produción, a mercadotecnia e a relación co cliente, “evitando que quede limitada a áreas técnicas”.
A intelixencia artificial identificouse como unha oportunidade de transformación para as empresas galegas, “sempre que a súa adopción sexa transversal”. Neste ámbito, propúxose aproveitar iniciativas como IA360 e a futura factoría de IA no CESGA para achegar estas capacidades ás pemes.
Salientouse ademais que Galicia conte con 534 novas firmas innovadoras identificadas e un modelo de aceleración vertical apoiado por agrupacións industriais e Business Factory, “sobre o que se expuxo reforzar a formación en xestión empresarial”.
Diso falaron no encontro Pedro Regojo, secretario do Consello de Corporación Hijos de Rivera; Esther Gómez, directora xeral de Televés; Carlos Pajares, director xeral de TK Elevator; e Ana Espinel, presidenta de Audiotec; con Fernando Vázquez, socio sénior de ERA Group.
Reter talento e ampliar as oportunidades profesionais
A evolución demográfica e as dificultades para xerar emprego cualificado constitúen outro dos retos sinalados: “A contracción da poboación en idade de traballar, a baixa ocupación xuvenil e a saída de profesionais formados en Galicia reforzan a necesidade de atraer poboación activa e ofrecer oportunidades de desenvolvemento profesional no territorio”.
Entre as propostas xurdidas do Consello figura abordar de forma estratéxica a integración da inmigración, así como aproveitar a diáspora galega. Tamén se expuxo “atraer investimentos industriais que xeren emprego cualificado, reforzar a formación profesional e mellorar as sinerxías entre universidades e empresas, incluíndo prácticas continuas e a incorporación de técnicos especializados”.
A internacionalización considérase así mesmo unha vía para ampliar oportunidades: os participantes sinalaron a importancia de reforzar o inglés, impulsar a proxección internacional máis aló da exportación e aspirar a que Galicia sexa tamén un destino internacional de formación.
Sobre talento e as necesidades das comunidades, falaron Teresa Ramos, directora xeral de ACTEGA Artística; Carmen Coto; directora de People Culture de TotalEnergies; Beatriz Escudero, CEO de Pharmadus Botanicals; María Vilas, Plant Xestor de Constellium.
Mellorar a conectividade e acelerar os proxectos estratéxicos
No foro as persoas participantes coincidiron ao afirmar que “Galicia dispón dunha conectividade marítima competitiva e dunha elevada actividade loxística portuaria, ademais de boas infraestruturas dixitais”. Con todo, engadiron, “o diagnóstico identifica eivas en conectividade aérea e nas conexións terrestres dos portos, especialmente por estrada e ferrocarril”. O uso do tren para mercadorías segue sendo baixo, “nun contexto no que se sinalaron limitacións de infraestruturas e de operadores competitivos”, apuntaron.
Os directivos expuxeron acelerar os proxectos de conexión multimodal entre portos, estradas, ferrocarril, solo industrial e centros produtivos. Tamén se propuxo “coordinar unha demanda empresarial máis clara en materia ferroviaria e loxística, apoiada por estudos que acrediten a vontade de trasladar mercadorías ao tren”.
En conectividade aérea, apuntouse á conveniencia de manter unha visión integrada dos tres aeroportos galegos —A Coruña, Santiago e Vigo— e coordinar os seus horarios para mellorar a conexión con Madrid. A vivenda, o solo industrial, o talento e a enerxía foron sinalados, ademais, como infraestruturas económicas necesarias para atraer proxectos produtivos.
Unha colaboración público-privada orientada á execución
Tamén houbo coincidencia ao sinalar que “a contorna institucional e regulamentaria sitúase lixeiramente por baixo da media e apóiase principalmente na percepción dos directivos”. Durante o Consello valorouse positivamente a interlocución próxima entre empresas e Administración galega, así como a evolución cara a unha maior colaboración entre compañías e o papel das agrupacións industriais.
Ao mesmo tempo, sinaláronse “a lentitude dalgúns trámites, o exceso de regulación e as dificultades para executar proxectos”. Entre as propostas atópanse simplificar a normativa, axilizar a Administración e converter os acordos público-privados en resultados efectivos. Tamén se expuxo “reforzar a presenza de Galicia en Bruxelas e dar maior visibilidade á voz do empresariado galego a través de organizacións coordinadas”.
O absentismo laboral identificouse así mesmo como unha preocupación polo seu impacto sobre a produtividade e a rendibilidade empresarial. Os participantes expuxeron abordalo como unha cuestión de competitividade, revisando os incentivos, as responsabilidades e os mecanismos de seguimento.

