Este 18 de xullo a Consellería de Economía entregou os diplomas aos participantes nos cinco cursos recentes do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de Santiago. Foron recoñecidos, en total, 84 alumnas e alumnos. No acto estivo presente o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez. Entre outras cousas, lembraron que no CNTG formáronse ao longo do curso 2016/2017 máis de 2.100 alumnos e alumnas a través de 52 cursos e 26 seminarios dirixidos principalmente a persoas ocupadas en empresas de novas tecnoloxías da información.
Alfonso Marnotes salientou tamén que o CNTG conta cunha inserción laboral media do 60% nas accións dirixidas a desempregados e que a súa oferta formativa permite aos alumnos acceder aos exames de certificación oficial con recoñecemento a nivel mundial para acreditar o seu dominio nun determinado produto ou ferramenta tecnolóxica. “Actualmente”, dixo, “o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia é un referente na formación pública de profesionais TIC a nivel galego e estatal”.
Os diplomas que se entregaron onte corresponden a cinco accións: Virtualización e alta dispoñibilidade con Linux LPI3; Business analysis; Automatización de infraestruturas; Desenvolvemento de aplicacións móbiles híbridas; e Márketing online-community manager dirixido ao sector comercial. Sobre este último curso, a directora xeral de Comercio destacou que, ademais de incrementar as oportunidades laborais dos participantes, contribuíu a mellorar o posicionamento do sector comercial. Tamén salientou a importancia deste tipo de cursos “nun intre no que neste ámbito demándanse máis capacidades dixitais para ser competitivos”.
Marnotes tamén sinalou “a importancia de ofrecer unha formación de calidade para incrementar as oportunidades laborais das persoas que buscan un emprego e para actualizar a cualificación das que xa están traballando”.
O CNTG formou este curso a máis de 2.100 persoas
Compartir Este Artigo

