A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de resolver a convocatoria das axudas para a conexión a Internet para empresas e autónomos de áreas afastadas do noso ámbito rural. Segundo informou o organismo que dirixe Mar Pereira, un total de 40 empresas e autónomos da Galicia máis illada beneficiaranse destes recursos achegados pola Xunta para “acceder a Internet de banda larga a través de redes ultrarrápidas”. En termos máis concretos, poderán navegar con velocidades de ata 350 Mbps. O importe das subvencións ascende a 500.000 euros, en palabras de AMTEGA “o orzamento máximo dispoñible na convocatoria”.
Por certo que as axudas solicitadas polas empresas beneficiarias abranguen entre o 70% e o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga de ata 350 Mpbs ás empresas.
Estas liña de axudas cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) e é a segunda das actuacións do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.
Os beneficiarios desta convocatoria de subvencións son PEME e profesionais de áreas illadas do rural sen cobertura de redes de banda larga de 30Mbps ou máis. As firmas destinatarias das axudas abranguen diferentes sectores produtivos: alimentación, agricultura, hostalaría, asesoría, xestión de residuos, inmobiliario ou enerxético, entre outros. Os importes van dende os 2.000 euros ata os 20.000 euros. Os servizos de banda larga ultrarrápida que se fornecerán, engade AMTEGA, “van permitir velocidades de acceso a internet dende os 50Mbps ata os 350Mbps”. En termos máis concretos, “a mellora da velocidade de acceso a internet nas empresas beneficiarias, con respecto aos servizos actuais dos que dispoñen, superará os 80Mbps en case o 90% dos casos chegando incluso a acadar máis dos 300Mbps nalgunha das empresas beneficiarias das axudas”.
Esta convocatoria é a segunda actuación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo. En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos. Para este ano en curso, o obxectivo é cubrir outros 30. En 2018, os 34 restantes.
AMTEGA concede axudas a 40 empresas e autónomos do rural illado para teren redes ultrarrápidas
Compartir Este Artigo

