Este mércores, os 22 participantes da segunda fase de Inicia Coworking (plan de apoio de balde ao emprendemento innovador impulsado polo Concello de Lugo e a Escola de Organización Industrial, EOI) participaron nunha andaina de irmandade pola cidade, máis polo miúdo polo paseo da beira do río Rato. No paseo-xuntanza tamén concorreu a concelleira de Economía e Emprego, Ana Prieto. Segundo fixo saber, foi unha actividade de motivación para fomentar “o espírito colaborativo e o traballo en equipo entre os emprendedores e emprendedoras e aproveitar sinerxias para mellorar as posibilidades de éxito”.
Tamén dixo que este tipo de xornadas e actividades complementarias de lecer foi “unha das cuestións que os participantes pediron reforzar nesta segunda edición do Inicia Coworking”, e ás que xa está a dar resposta o equipo coordinador, formado por traballadores municipais e da EOI.
Como lembraremos, nesta nova etapa do programa están a participar 20 emprendedores, que recibirán durante cinco meses de xeito gratuíto apoio integral, individual e personalizado aos emprendedores e emprendedoras de Lugo para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando así a súa viabilidade tanto técnica como económica.
Recentemente o Concello informou da importancia tecnolóxica e innovadora, da calidade e das posibilidades de futuro das dúas ducias de start-ups con presenza na primeira fase do programa (con sede de operacións no CEI Nodus), novas firmas na súa meirande ligadas ás novas tecnoloxías da información e ao turismo.
O Concello tamén fixo saber da posta en marcha da segunda convocatoria do Inicia Coworking e da apertura, o vindeiro ano, de dúas edicións máis, coas que se ofrecerá apoio a outros 40 emprendedores. “Queremos reter en Lugo o talento dos lucenses, que é moito, como fica demostrado con esta iniciativa”, dixo daquela a alcaldesa Lara Méndez, engadindo que nos últimos orzamentos o Concello destinou 5 millóns de euros a iniciativas vinculadas co fomento do emprego.
Colaboración coa EOI
O Concello desenvolve o plan Inicia Coworking en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria. Cun orzamento de 800.000 euros, fornecerase entre este ano e o 2018 de xeito gratuíto a máis de 260 lucenses un apoio integral, individual e personalizado, para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.
Os novos emprendedores de Inicia Coworking Lugo participan nunha camiñada pola cidade
Compartir Este Artigo

