Ao lado dos nosos maiores é o nome da iniciativa que se pon en marcha este mes de xullo en diversas localidades con aula CeMIT de Galicia, grazas a colaboración do operador de telecomunicacións Orange e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Trátase dun ciclo de obradoiros de balde, cunha duración máxima de dúas horas, que se levarán cabo ata o mes de outubro nos centros CeMIT de 23 concellos de Galicia. Estarán impartidos por persoal de Orange, que facilitará as tabletas e móbiles necesarios para que todos os asistentes poidan realizar as actividades do curso.
O obxectivo principal desta actividade é ensinar aos participantes as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran maior autonomía persoal e se familiaricen coa tecnoloxía móbil. Entre outros contidos tratarase como acceder ás redes móbiles e Wi-Fi, enviar e recibir WhatsApp, enviar fotos, vídeos e mensaxes, gardar os contactos e todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso normal do teléfono e/ou tableta.
O único requisito para poder asistir a estas actividades de balde é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello, ou a través da páxinaweb da rede CeMIT.
Vídeo promocional das actividades formativas de Orange para os nosos maiores

