Os días pasados as entidades responsables de Smart Camiño (a axencia AMTEGA e Turismo de Galicia) fixeron un balance das actividades que se están a desenvolver ao abeiro do devandito plan, como lembraremos unha batería de iniciativas destinadas a fomentar o impulso de Galicia como destino xacobeo a través das máis avanzadas ferramentas TIC. Segundo explicaron, as accións do plan están “a consolidar o seu interese entre os peregrinos”. Deste xeito, no primeiro semestre de ano, constatouse un medre no emprego das distintas opcións dispoñibles (web, aplicación móbil e conexión Wi-Fi nos albergues da rede pública).
No caso da páxina web do Camiño de Santiago, www.caminodesantiago.gal (na que se recollen todos os aspectos precisos para descubrir, preparar e planificar a ruta xacobea), a curva de crecemento mantívose constante desde principios de 2017, con preto de 110.000 sesións e ao redor de 80.000 usuarios, cunha taxa de internautas fixos moi próxima ao 30%. No que atinxe ao uso que os internautas fan da páxina, AMTEGA e Turismo de Galicia salientan a duración media da sesión de visita (“moi elevada, con máis de seis minutos por persoa”) e máis o baixo índice acadado na porcentaxe de rebote, o que significa, nas súas palabras, “que os visitantes non abandonan decepcionados o portal pouco despois de entrar; máis ben ao contrario, a maioría deles visitan máis dunha páxina”.
En canto a aplicación móbil do Camiño de Santiago (de balde e apta para as plataformas iOS e Android), tamén tivo “un papel destacado”, sinalaron as entidades responsables da súa posta en marcha, que salientan que está dispoñible en tres linguas (galego, castelán e inglés) e que xa suma máis de 6.000 descargas nos primeiros seis meses do ano, confirmándose como “unha das máis demandadas das aplicacións de Turismo de Galicia”. A ferramenta, como lembraremos, contén o trazado, a descrición, fotografías e información útil dos diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos. Polo tanto, o peregrino pode consultar nela cousas como os horarios, a localización ou os teléfonos en cada tramo, amais de ter acceso ás condicións meteorolóxicas e aos enderezos e contactos dos centros de saúde e emerxencias.
Polo que atinxe á dotación de conexión Wi-Fi na rede de albergues, en xaneiro conectáronse a ela máis de 3.500 usuarios e no pasado mes de xuño, coa chegada do verán, a cifra subiu ata máis de 18.500. En total, neste tempo, foron preto de 60.000 peregrinos aloxados os que se conectaron a ela.
Como recordaremos, Smart Camiño é unha das iniciativas enmarcada no Plan director do Camiño de Santiago, cuxa folla de ruta está a desenvolver numerosas melloras. Do seu orzamento de máis de 60 millóns de euros, xa foi executado ao redor do 60%. Os seus obxectivos, coa vista posta no próximo Xacobeo 2021, están aliñados coa Estratexia do turismo de Galicia 2020.
Dispárase a cifra de peregrinos que empregan os recursos TIC de Smart Camiño
Compartir Este Artigo

