A Televisión de Galicia vén de iniciar estes días as súas emisións a través de Facebook Live e fíxoo, segundo se desprende das reaccións plasmadas nas redes (e tamén das cifras de seguimento), con grande éxito. En cuestión de números, os perfís de Facebook da CRTVG e da Televisión de Galicia rexistraron, nas tres primeiras retransmisións realizadas a través de Facebook Live, 62.400 visualizacións e preto de 200.000 persoas acadadas.
“Estes datos”, sinalan fontes da corporación, “reflicten o apoio por parte da audiencia, que consume o contido da canle pública non só a través da televisión, senón tamén desde as diferentes plataformas dixitais polas que a CRTVG está a apostar”.
A emisión do triangular de fútbol do trofeo Isidro Silveira foi a primeira publicación realizada desde Facebook Live e foi vista por máis de 15.800 espectadores, acadando un total de 47.500 persoas. A seguinte retransmisión, as Medallas de Galicia, conseguiu case 7.000 visualizacións e preto de 23.000 persoas acadadas.
A última emisión, a que obtivo máis seguimento na Internet, desenvolveuse a noite do pasado luns 24, cos Fogos do Apóstolo, que rexistrou 7.500 reaccións e 550 comentarios e foi compartida máis de 1.100 veces. O espectáculo pirotécnico foi visto por 39.600 espectadores e chegou a máis de 128.400 persoas, engaden fontes da CRTVG.
A TVG acada 62.400 visualizacións nas súas tres primeiras emisións a través de Facebook Live
Compartir Este Artigo

