Xa sabemos cales van ser os proxectos apoiados pola segunda edición da iniciativa-aceleradora Vodafone Connecting for Good Galicia, impulsada pola dita operadora de telecomunicacións e pola axencia AMTEGA co obxectivo de alentar a innovación social dende o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura (Santiago). Ou sexa, o desenvolvemento de tecnoloxías con vocación de botar unha man, facendo fincapé en mellorar a calidade de vida (a capacitación tecnolóxica, a empregabilidade, a independencia, o benestar) de colectivos en risco de exclusión. O xurado do programa decantouse por seis proxectos, entre os que se atopa un dos premiados na última edición dos INCUVI-Emprende, Mediación Móbil, unha iniciativa dirixida a ofrecer servizos de mediación a empresas, organizacións ou particulares a través dunha páxina web, unha aplicación móbil ou unha plataforma de elearning. Os restantes proxectos son Tapper, 3DAcoustic, It!, Formadox e Sense(x).
Segundo nos conta a Universidade de Vigo, Mediación Móbil vén da man dos estudantes Ángel Torres (estudante do grao en Dereito) e Ignacio Fernández (egresado do grao en Dirección e Xestión Pública). Ámbolos dous veñen traballando nos últimos meses no desenvolvemento do seu proxecto empresarial a prol da comunicación e o entendemento (no sentido da expresión máis abeirado á resolución de conflitos), tras proclamarse como unha das dúas iniciativas premiadas no campus pontevedrés na sexta convocatoria dos premios ao emprendemento que promove a UVigo.
Segundo comentan Torres e Fernández ao fío da importancia do apoio de Vodafone e AMTEGA, “a selección para participar en Connecting for Good Galicia vainos axudar a darlle un compoñente tecnolóxico á nosa empresa”, salientan da súa iniciativa, xermolada o pasado curso no Campus de Pontevedra (ao abeiro do Curso de Especialista en Mediación) coa idea de “achegar unha forma diferente de xustiza, como é a mediación” a ámbitos como o educativo, o familiar, o empresarial e o deportivo mediante o emprego das novas tecnoloxías.
Torres e Fernández tamén enxalzan a importancia formativa da súa participación conxunta na palestra de Vodafone e AMTEGA, un programa polo que tamén son galardoados cun patrocinio de 2.000 euros outorgado pola Axencia Galega de Innovación e no que os seis proxectos escollidos polo xurado optan a unha axuda de 25.000 euros, outorgada pola Xunta, así como a un premio de 10.000 euros, que a Fundación Vodafone entregará ao proxecto que mellor incorporase os principios da accesibilidade universal.
Mediación Móbil, entre os elixidos para a segunda edición de Connecting for Good Galicia
Compartir Este Artigo

