O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Secretaría Xeral da Presidencia e o Concello de Foz para a realización do proxecto A Mariña Virtual.
Ao abeiro deste acordo, a Administración autonómica achegará máis de 240.000 euros para a posta en marcha desta iniciativa, que incluirá un centro integral de turismo da Mariña luguesa, onde, a través dunha visualización tridimensional e interactiva, se presentará o territorio aos visitantes dunha maneira detallada e ordenada.
Este centro estará localizado no edificio do CENIMA (Centro de Interpretación da Mariña), no concello de Foz e permitirá achegar ao visitante todo o potencial deste territorio, interactuando con personaxes históricos, viaxando no tempo e na historia a través de tecnoloxías avanzadas de realidade aumentada, montaxes 3D, videogravación inmersiva e tamén a través de realidade virtual.
Este convenio enmárcase no traballo da Administración autonómica pola promoción turística dos recursos diferenciadores de Galicia, como o é a costa galega, así como por impulsar a innovación turística e as novas tecnoloxías e tamén por promover e coordinar o desenvolvemento rural en Galicia.
Todos estes aspectos están recollidos na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta transversal e participativa do turismo galego para os vindeiros catro anos que conta cun investimento de preto de 240 millóns de euros en catro anos, e que recolle de xeito transversal estes asuntos nas súas 11 liñas estratéxicas.
O proxecto permitirá coñecer dun modo diferente da man das novas tecnoloxías esta zona de Galicia, un xeodestino, o da Mariña luguesa, que abarca os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo Viveiro e Xove.
A Mariña luguesa terá un centro integral de turismo interactivo
Compartir Este Artigo

