
Segundo explica a AMTEGA, a integración de SIUSS (Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais) na Historia Social Única Electrónica “facilita o intercambio de información entre os profesionais dos servizos sociais de ámbito local e autonómico”. Para a axencia, “este é un paso fundamental para completar a información da Historia Social Única Electrónica de cada individuo e incrementar a coordinación entre profesionais”.
A esta novidade, como dixemos, xúntase a incorporación da sinatura electrónica a través de HSUE, un engadido que permite xerar e asinar dixitalmente en HSUE os informes sociais normalizados e arquivalos na Historia Social Única Electrónica do individuo, “o que posibilita o envío de xeito telemático deste informe ás unidades tramitadoras”, engade AMTEGA.
En marcha hai xa un ano
A HSUE púxose en marcha pasado hai un ano nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Tras unha fase de probas iniciouse a súa extensión a outros concellos co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, a través dun convenio asinado en novembro. A día de hoxe, os traballadores sociais de máis 160 entidades locais teñen acceso á plataforma, podendo acceder ao expediente social de máis de 530.000 usuarios en formato electrónico.
En palabras de AMTEGA, “a extensión da Historia Social Única Electrónica supón un fito no eido dos servizos sociais semellante á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas”.
Ademais, engade a axencia, plataforma proporciona “unha identificación unívoca dos cidadáns”, ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado por parte dos profesionais, que accederán só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.

