O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) vén de facer balance da resposta xerada na cidadanía pola súa aplicación destinada a guiar aos pacientes polos centros sanitarios, a ferramenta móbil SIGUE (Sistema Intelixente de Xeolocalización de Usuarios en Edificio), habilitada en xaneiro co obxectivo de incrementar a eficacia e mellorar a atención nestes centros (e, tamén, de acurtar ao máximo o tempo que empregamos en entrar neles e sermos atendidos). Segundo fai saber o SERGAS, a aplicación xa foi obxecto de 9.117 descargas, 5.386 a través Google Play e 3.731 da App Store de Apple.
“A aplicación”, explica o Servizo Galego de Saúdo, “permite ofrecer un servizo de localización no interior de edificios onde non existe cobertura de abondo dos sinais de satélite utilizado polo GPS”. Asemade, posibilita cousas como consultar as citas programadas no sistema público de saúde, tanto en hospitais como en centros de saúde, ofrecéndonos a opción de iniciarmos a navegación ata o centro no que teñamos programada a cita.
A maiores, a ferramenta incorpora servizos como a suxestión de rutas internas ata o punto público do hospital que elixamos; información sobre servizos non sanitarios do edificio (cafetería, prensa, etc.) e da súa contorna e máis a comunicación dunha posición dentro do centro a outros usuarios da app que figuren como contactos.
O SERGAS lembra tamén que “para o funcionamento desta aplicación móbil tense creado un sistema de cartografía de edificios para incorporar os mapas internos dos centros nos que funciona o sistema de guiado”. Polo de agora a ferramenta xa funciona no Hospital Lucus Augusti de Lugo, no Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Hospital de Verín ademais de en 22 centros de saúde e no edificio de servizos centrais da Consellería de Sanidade.
A app para guiarnos nos centros de saúde xa foi obxecto de máis de 9.000 descargas
Compartir Este Artigo

