O Goberno galego, amais das novidades relativas ao ensino para os vindeiros anos (que pasan pola introdución robótica e a programación como materias de ensino obrigatorio), vén de achegar detalles sobre unha nova iniciativa dirixida a fomentar, tamén, escenarios innovadores de traballo e desenvolvemento, aínda que desta volta nas empresas. Trátase da segunda convocatoria do Concurso de ideas Industria 4.0, cuxo obxectivo é apoiar 32 empresas no desenvolvemento de proxectos que apliquen os procesos e as técnicas de fábrica intelixente.
Foi dado a coñecer, igualmente, polo titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.Segundo fixo saber, o certame vén cun investimento público de 2,8 millóns de euros e cunha previsión de mobilizar 8 millóns. Con este investimento, dixo, apoiaranse catro proxectos nos sectores estratéxicos da motor, a madeira, a alimentación e o naval.
No eido da automoción, Feijóo sinalou que se trata du proxecto liderado por CEAGA e que conta coa participación de nove PEME do sector, centrándose na automatización, a dixitalización e a intercomunicación máquina a máquina, así como na conectividade total ou estendida.
En relación ao sector madeireiro, o Clúster da Madeira coordinará nove PEME de toda a cadea de valor para mellorar “a súa especialización, tecnificación e competitividade”.
No eido alimenario, financiarase a CLUSAGA e a cinco PEME dos sectores lácteo, avícola, pesqueiro, vitivinícola e hortofrutícola, co obxectivo compartido de incorporar novas tecnoloxías de produción e envasado, e perfeccionar a rastrexabilidade.
Sobre o sector naval, o presidente informou que ACLUNAGA aspirará a “revitalizar os procesos produtivos e de xestión do sector naval e a industria auxiliar, apostando pola dixitalización como elemento clave”.
Ademais dos catro proxectos sectoriais, o Goberno galego tamén financiará un proxecto temático centrado na fábrica virtual. ASIME, a Asociación de industriais metalúrxicos de Galicia, será a entidade encargada do seu desenvolvemento.
O Goberno galego apoiará 32 empresas co seu II Concurso Industria 4.0
Compartir Este Artigo

