Os enxeñeiros informáticos teñen unha importante cita á que acudir o vindeiro mes de outubro. Así, entre os días 2 e 4, a Coruña acollerá a novena edición do Web Engines Hackfest, un encontro que require convite e que dará acubillo ás empresas tecnolóxicas de máis sona a nivel mundial. Entre elas salientan: Apple, ARM, Centricular, Collabora, Continental, CoSMo Software, Endless, Google, Intel, LG, Mozilla, Red Hat, Samsung, SoftAtHome e Sony, que darán conta de todo o relacionado coa tecnoloxía, problemas, novidades e ideas que aínda están por vir.
Cómpre dicir que o Hackfest está organizado por Igalia (presente nos debates), unha empresa de consultaría e desenvolvemento de software libre con sede na Coruña, con sesenta traballadores, moitos deles socios, medrando cara a fóra con clientes nos Estados Unidos, Europa e Asia.
Volvendo ao Hackfest, subliñar a súa vontade de cooperación entre navegadores, que ten como consecuencia unha organización dos participantes en grupos nos que se formulan temas de debate. En canto á temática desta edición, afondarase no WebKitGTK+ e WPE, Chromium (Servification e Mus/Ozone/Wayland), JavaScript (V8, JSC e SpiderMonkey) ou Web Predictabiliy e Web Compability e Multimedia, entre outros.
A Coruña xuntará a comezos de outubro enxeñeiros informáticos de todo o mundo
Compartir Este Artigo

