O alumnado da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC (Deputación de Lugo), baixo a supervisión de docentes e técnicos da entidade, vai colaborar coa VIII Noite Aberta, o desfile de moda que se celebra o día 29 de setembro na praza maior de Lugo, a partir das 18.00 horas e coa dirección da cantante Lucía Pérez. O equipo realizará a gravación con catro cámaras, e posproducirán un vídeo coas imaxes sobre o evento.
Segundo informa a dirección da entidade formativo-divulgativa, trátase da primeira das numerosas prácticas en escenarios reais que o alumnado da TIC levarán a cabo ao longo deste curso, dentro dos módulos de Realización de Televisión e de Montaxe e Posprodución.
Ademais, a Fundación TIC informou de que un equipo de seu realizará unha reportaxe da festa do comercio lucense para a súa difusión a través de Internet. Ademais do desfile, na Noite Aberta haberá importantes descontos nas tendas, actuacións musicais e xogos infantís.
A Fundación TIC comprométese coas iniciativas que promoven a actividade comercial e aos autónomos da provincia. A colaboración que mantén coa organización da Noite Aberta súmase á da Feira Outlet e o Mercado na Rúa – Street Market, ao abeiro do convenio asinado coa Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo.
Alumnado e profesores da Fundación TIC darán cobertura á VIII Noite Aberta
Compartir Este Artigo

