
Asesoramento a concellos
O servizo de asesoramento ofrecido pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) aos concellos galegos sobre normativa e solucións técnicas para o despregue de infraestruturas de telecomunicación iniciado hai algúns anos, pon a disposición das entidades locais un equipo integrado por enxeñeiros de telecomunicación que ofrece soporte centralizado para resolver dúbidas sobre a aplicación da normativa e cuestións técnicas da implantación dos equipamentos e infraestruturas que afectan ás actividades das administracións locais. A medida exponse como unha canle de comunicación directa cos concellos para dar soporte ás súas necesidades no referente á actualización normativa e ao acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento diario destas entidades.
Grazas a este servizo, o persoal técnico dos nosos consistorios ten ó seu dispor un asesoramento directo por parte dos profesionais da AETG a traveso da denominada Oficina Concellos AETG, que mediante atención telefónica en horario de luns a venres de 9 a 14 horas no número 981913576 ou por correo electrónico no enderezo oficinaconcellos@aetg.gal, ofrece este servizo sen custe para as entidades.
Guía Técnica de Infraestruturas de Fogar Dixital
Por outra banda, a elaboración da Guía Técnica de Infraestruturas de Fogar Dixital, que incluirá un proxecto tipo para a instalación destas infraestruturas nas vivendas de nova construción, recollerá as implicacións e indicacións do Decreto 127/2016, do 15 de setembro, polo que se regulan as infraestruturas necesarias para posibilitar as funcionalidades do fogar dixital nas vivendas. Este decreto garante que as novas vivendas dispoñan dos equipamentos e recursos precisos para ter acceso a servizos dixitais avanzados tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort. Ademais, a norma establece que para obter as licenzas oportunas será requisito obrigatorio proxectar e instalar as infraestruturas de soporte do fogar dixital e recolle, tamén, a recomendación de que estas se inclúan cando se rehabiliten ou remodelen as vivendas xa existentes.
A AETG levará a cabo unha análise e estudo exhaustivo da norma e elaborará documentación de soporte técnico dirixida aos axentes implicados na instalación das infraestruturas que posibilitan os servizos do fogar dixital.
Medicións e controis sobre o terreo
No marco das actuacións recollidas no devandito convenio, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia desenvolverá tamén un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da nosa Comunidade que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas.
A AETG dá asistencia profesional sobre infraestruturas de telecomunicacións aos concellos galegos
Compartir Este Artigo

