Esta mañá inaugurouse en Santiago, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), unha xornada sobre as novidades da Lei 39 e a Lei 40/2015. A apertura das xeiras de traballo veu da man da directora da EGAP, Sonia Campos, e da directora de AMTEGA, Mar Pereira, que lembrou que o Goberno galego xa iniciou o desenvolvemento da Lei de Administración Dixital de Galicia, un regulamento que, nas súas palabras, “dotará á Comunidade dun marco normativo único que eliminará a dispersión normativa existente, potenciará un novo modelo de complementariedade entre administracións e permitirá ofrecer unha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos”. Pereira engadiu que a norma galega complementará o establecido nas leis estatais que serven de alicerce temático da xornada.
Tamén engadiu que “Galicia vén traballando na transformación dixital da Administración desde o ano 2010 cun Plan de Modernización que permitiu á Comunidade chegar á entrada en vigor das novas leis coas principais pezas dunha administración integramente dixital en marcha e adiantarse, incluso, a algunhas das esixencias que prevén para o ano 2018”. É o caso, dixo, do Arquivo Electrónico ou da posta en marcha da dixitalización do Rexistro Xeral e das Delegacións Provinciais da Xunta.
Entre as medidas máis inmediatas do Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, Mar Pereira sinalou a posta en marcha no derradeiro trimestre do 2017 dunha nova sede electrónica da Xunta de Galicia, adaptada a un mellor uso dende dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do perfil do cidadán ou empresa.
No vindeiro ano, engadiu, iniciarase a reformulación das Oficinas de Rexistro como Oficinas de Atención, que “facilitarán a relación de cidadán e empresas coa administración a través dos medios dixitais e poranse en marcha a figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamentos, que posibilitarán a autorización dunha persoa ou funcionario para realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa”.
Mar Pereira debulla os beneficios que terá a Lei de Administración Dixital
Compartir Este Artigo

