A Facultade de Ciencias de Educación e o Deporte (UVigo) de Pontevedra acolleu este 26 de outubro unha xornada sobre gamificación destinada a mostrar os valores e posibilidades dos xogos como ferramentas de ensino e de motivación. Abriu o encontro Jacobo Feijóo, experto nestas técnicas inversas de interacción entre planos e conceptos (desta volta, do virtual ao real), quen fixo un percorrido pola súa propia experiencia na materia (aplicando as ditas metodoloxías en eidos como o empresarial e o sanitario a través da empresa galega Gamisolution) e lembrou que, de facto, a gamificación non é unha técnica nova, e de feito xa se tiraba proveito dela no século XIX, de maneira indistinta pero sobre todo buscando reforzar a aprendizaxe das crianzas. A xornada, desenvolvida baixo o epígrafe Estratexias para mellorar a implicación do alumnado a través da gamificación, veu da man do investigadores do grupo Remoss Cristina Varela, Roberto Silva e Adrián Paramés.
Volvendo á intervención de Feijóo, o experto en gamificación sinalou que unha das cousas máis positivas destas prácticas “é que xa se están a estruturar, que xa hai unha metodoloxía, uns pasos estudados, e podemos usar esa liberdade que dá o xogo, o feito de que o estean pasando ben, para que os nenos aprendan”. O gran segredo, dixo, “é dar co que motiva a xente”, engadindo exemplos concretos de éxito neste punto, como o de Pokemon Go!, que en menos dun ano xa conseguira 47 millóns de usuarios.
No coloquio introdutorio ao mundo da gamificación, o relator afondou tamén en como a súa experiencia profesional levouno a desenvolver unha metodoloxía para o deseño deste tipo de iniciativas, uns pasos a seguir que comezan co achado dos factores que poden espertar o interese dos grupos de persoas aos que se dirixe a proposta. “Se un alumno é deportista, motivaralle competir, pero se o alumno é investigador, motivaralle o misterio, o descubrimento”, explicou o conferenciante, que incidiu nese senso na importancia de deseñar xogos capaces de “conseguir o interese” de persoas diversas.
Os expertos coinciden no Campus de Pontevedra: cos xogos apréndese mellor
Compartir Este Artigo

