
Segundo informa o ITG, a viaxe a Israel foi un xeito de dar continuidade á aposta do instituto polo espallamento das solucións que desenvolve. Tamén tivo ocasión de poñer en valor a súa bagaxe en Industria 4.0, información a gran escala (Big Data), drons ou Internet das Cousas (IoT).
O director xeral do Instituto Tecnolóxico de Galicia, Carlos Calvo, salientou que “o ITG participa nestes foros porque entendemos que é onde temos que estar. Trátase de encontros moi relevantes nos que temos a oportunidade de transferir e de recibir información de gran valor”.
No evento israelí, o instituto tivo a oportunidade de “abrir a porta a novas vías de colaboración”. Agora, sinala Calvo, “toca traballar intensamente para que axiña poidamos ver os resultados”.
Entre as iniciativas dadas a coñecer no devandito evento atópanse os seus achados en materia de vehículos aéreos non tripulados, materializados a través de Civil UAV Initiative (proxecto da Axencia Galega de Innovación, no que o ITG colabora con Babcock para dar forma a novos sistemas de control, un software de misión intelixente e un centro de simulación para formación de pilotos) ou da primeira Unidade Mixta de investigación (UMI) especializada en drons en Galicia, constituída trala unión do Instituto Tecnolóxico de Galicia e Star Defence Logistics & Engineering (SDLE).
O ITG luciu en Israel a súa bagaxe en Industria 4.0 e tecnoloxías aéreas
Compartir Este Artigo

