A Mesa quere reivindicar os nosos nomes tradicionais dos días da semana (domingo, segunda feira por luns, terza por martes, cuarta por mércores, quinta por xoves, sexta por venres, sábado e volta a comezar), uns nomes tradicionais galego-portugueses que en Código Cero levamos un tempo reivindicando tamén e que agora, coa integración das redes en múltiples niveis da nosa vida diaria, podemos impulsar aínda máis de maneira efectiva. E com máis razón tendo en conta que nos insiren máis plenamente na comunidade lusófona (máis de 230 millóns de persoas no mundo) con todo o potencial cultural, social e económico que isto implica. Baixo esta premisa, A Mesa xuntou forzas coa Associaçom Galega da Língua (AGAL) e xa puxo en marcha unha web específica. Ademais, lanzou unha campaña com contidos audiovisuais e un bánner para ser distribuído nos medios de comunicación e outras plataformas dixitais.
Segundo nos conta A Mesa pola Normalización Lingüística, a campaña integral irá especialmente dirixida ás crianzas, por un lado, e a medios informativos dixitais, polo outro.
Para o primeiro dos ámbitos, o da nenez, conta co apoio audiovisual da banda de música infantil Mamá Cabra, que compuxo a canción Na segunda feira co obxectivo de facilitar ás crianzas a aprendizaxe dos días da semana (entre outros tesouros de que andan á procura).
No que atinxe aos medios dixitais, distribuirase (a partir do día 20) nestas canles e noutras plataformas un bánner específico para informar do día do mes e da semana en que vivimos e accedemos a esas canles e plataformas. Premendo nel, seremos encamiñados á devandita páxina web da Mesa que dá cobertura á campaña. Nela podemos ver información lingüística e histórica sobre os días da semana na mesma normativa ortográfica que normalmente usa o sitio web en que o bánner sexa inserido. A información contida nesta páxina web contará cunha unidade didáctica para ser explorada no ensino primario.
Os medios que así o fagan, aparecerán como colaboradores da campaña.
Segundo explica A Mesa, os nomes tradicionais dos días da semana estaban plenamente estendidos ata ben entrado o século XX, para logo ir caendo no esquecemento por mor da introdución das formas que todas e todos coñecementos. A idea da iniciativa é reivindicar as designacións históricas tirando partido do feito de aínda estaren estas vivas en boa parte da nosa xeografía, aínda que só entre as persoas máis vellas.
Segundo A Mesa e a AGAL, “para as persoas preocupadas polo galego é fundamental que saiban que temos forza para recuperar as nosas palabras aínda que sexa no límite da desmemoria. No caso concreto dos días da semana, a súa revitalización sería moi motivadora, porque afecta unha serie de palabras usadas diariamente por calquera persoa”.
A Mesa e AGAL apostan polos medios dixitais para recuperar os nomes tradicionais dos días da semana
Compartir Este Artigo
