Facer ver entre as novas xeracións a importancia de protexer e valorar a riqueza histórica das súas cidades ao tempo que se estimula a creatividade botando man das novas tecnoloxías. Este é un dos grandes obxectivos da segunda edición do Certame de Creación Audiovisual para Mozas/os, A miña cidade é patrimonio de todos, que se presentou este martes e que vén da man do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, do que forma parte Santiago de Compostela. O programa enmárcase na celebración ao longo deste 2018 do 25 aniversario da constitución do Grupo. O certame, que coincide coa celebración en 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, está dirixido a xente de nova de entre 16 e 30 anos.
Amais dos ditos obxectivos, con este concurso tamén se busca propiciar un maior coñecemento e sensibilización cara as 15 cidades patrimonio, potenciar o uso das novas tecnoloxías, desenvolver a creatividade no campo da imaxe e estimular a capacidade de observación da contorna da cidade. Segundo informa o Concello de Santiago, fíxanse dúas categorías de participación: a primeira para a mocidade de entre 16 e 18 anos, que deberá presentar a súa obras no centro xuvenil/concellería de Mocidade dalgunha das 15 cidades que forman o Grupo, e a segunda para participantes de entre 19 e 30 anos, que terán que inscribirse a través da páxina web www.ciudadespatrimonio.org. O prazo de participación ábrese este mesmo martes e pecharase o 1 de xuño de 2018.
Esta actividade desenvólvese no seo da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo, que é o órgano encargado da xestión dos proxectos relativos á conservación, defensa e divulgación do patrimonio das cidades da rede.
Respectos dos premios a entregar, na primeira das categorías achegarase equipamento de medios audiovisuais para o centro xuvenil ou concellaría na que se inscribira o gañador ou gañadora, por valor de 3.000 euros. Tamén se entregará un smartphone de última xeración valorado en 1.000 euros. Na segunda modalidade, a de idades comprendidas entre os 19 e os 30 anos, o primeiro premio incluirá 2.000 euros, o segundo 1.500 e o terceiro 1.000.
Santiago e as restantes cidades patrimonio reivindican a súa riqueza histórica nos móbiles
Compartir Este Artigo
