
Monet, para quen non o saiba, foi posta en marcha en 2014 polos investigadores da Universidade de Vigo David Rey, Débora Franco e José Antonio Gay, decididos a botar unha man ás adegas para optimizaren a calidade dos seus viños dende o sitio exacto onde están chantados os viñedos. O que querían, polo tanto, era achegar ao sector unha ferramenta que permitise mellorar a eficiencia da produción, optimizar o uso de fitosanitarios e insumos, reducir a diminución de colleita e minimizar o residuo químico. Dito doutro xeito: buscábase axudar ao máximo ao empresario vinícola na súa toma de decisións, facendo que as tecnoloxías aplicadas (en parte algoritmos de predición e análise) axudasen ao máximo no rumbo a seguir.
Nun plano máis concreto, a ferramenta de Monet permite aos viticultores coñecer o estado en tempo real do seu viñedo desde calquera recanto no que se achen, a través de calquera dispositivo conectado a Internet. Así nolo explica Débora Franco en toda a súa complexidade: “A ferramenta ofrece a valoración e a previsión do risco de que se produza unha doenza no viñedo. Os algoritmos de valoración e predición de enfermidades, desenvolvidos e validados por Monet, aliméntanse de parámetros meteorolóxicos medidos nos puntos característicos do viñedo, o estado fenolóxico no que se atopa a vide e a predición meteorolóxica a nivel de parcela. Toda esta información está a disposición do usuario, quen pode consultala en calquera lugar e intre desde un teléfono móbil, un computador ou unha tableta”. Débora tamén salienta que Monet Viticultura ofrece valoración e predición do risco de mildiu, oídio, botrite e blackrot (raizame negra).
Respecto do funcionamento máis detallado da tecnolóxica, a investigadora lembra que para cada unha das devanditas doenzas avalíanse tanto as condicións climatolóxicas como fenolóxicas. “o que permite coñecer o grao de desenvolvemento da enfermidade en cada unha das etapas do ciclo de vida do fungo e tomar a decisión de cal é o mellor produto para aplicar na loita contra esta enfermidade”. Segundo explica, o nivel de risco de doenza en cada parcela, combinado coa predición meteorolóxica personalizada, “permite ao viticultor adiantarse á aparición dun problema de saúde e planificar tarefas a partir de información obxectiva”.
Por outra banda, toda a información xerada (que o viticultor recibe acotío a través dun informe por correo electrónico e que pode consultar en calquera intre e interpretar de maneira doada a través dun código de cores tipo semáforo) permite que o profesional poida coñecer o nivel de alerta a tempo completo, facendo minguar a a incerteza inherente ao traballo en campo e permitindo realizar a aplicación de tratamentos fitosanitarios no momento óptimo.
A plataforma tamén incorpora información dos índices de vexetación do viñedo obtidos a través do procesado de imaxes aéreas tomadas por satélites, avionetas ou droes. Esta información permite “zonificar o viñedo”, explican os investigadores, que engaden que tamén posibilita coñecer as diferenzas de vigor, clorofila ou eficiencia fotosintética nas distintas zonas de cada parcela e realizar clasificacións de uva previas a vendima, “información que pode ser de gran interese para a xestión eficaz da produción”. A ferramenta complétase cun sistema de xestión documental que deixa marxe ao usuario para introducir información dos traballos realizados no viñedo, a xeito de caderno de explotación dixital, e de calquera incidencia detectada nel.
Monet Viticultura xa conta co respaldo de 20 adegas de dez denominacións
Compartir Este Artigo
