A Federación Galega de Empresarios Novos (AJE Galicia polas súas siglas en castelán), entregará os seus premios anuais o vindeiro 15 de marzo no Museo do Mar, en Vigo. Os galardóns, segundo lembra a organización, teñen por finalidade “recoñecer o esforzo de emprendedores e novos empresarios galegos”, amais de ser un altofalante para reclamar meirande apoio aos mozos, “como protagonistas do presente e o futuro da economía de Galicia”. Os premios teñen dúas candidaturas, Empresario Novo e Emprendedor Novo, ademais de catro accésit que premian a innovación, a creación de emprego, a internacionalización e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE). Tanto nunha modalidade coma noutra hai un importante número de firmas ligadas ás novas tecnoloxías. Por exemplo Help Flash, Gamerswalk, Opseeker ou Send2me, entre outras.
Na primeira categoría, a de empresarios novos, os candidatos son:
· Basesoft, da Coruña, empresa especializada en informática sanitaria, adicada ao desenvolvemento, comercialización e soporte técnico de software para a farmacia de hospital, orientado a asistir as tarefas científico-profesionais nos procesos de elaboración de medicamentos individualizados.
· Carlos Conde, de Pontevedra, son salóns de barbaría para homes, ideados para ofrecer aos seus clientes un servizo de calidade, rapidez e a custo reducido.
· Del mar al plato, pescadería e tenda gourmet de Vigo que achega en 24 horas os peixes e mariscos acabados de mercar nas lonxas galegas aos seus clientes do territorio nacional.
· Low Pressure Fitness, sistema de adestramento de baixa intensidade, con sede en Vigo, que combina técnicas hipopresivas con outras de rehabilitación.
· Moovett, de Ourense, un centro deportivo que inclúe tamén unha ampla oferta de bailes, con instalacións pensadas para a comodidade e a contorna familiar dos seus clientes.
· Residencia Canina El Bosque, de Narón, un hotel de mascotas con características únicas en Galicia, con 10 habitacións para cans e 6 gateiras independentes, todas con luz natural, calefacción e comodidades.
· Sémola, de Vigo, elabora e vende pan e doces, a través dun obradoiro e tendas propias, axuntando tradición e deseño.
· Vigo Entrena, de Vigo, centro deportivo que trata de forma especializada problemas que necesitan intervencións máis personalizadas; xunto a outros servizos médicos e fisioterapéuticos.
Polo que se refire aos candidatos a emprendedor mozo, son os que citamos a continuación:
· Check&Car, empresa de Vigo adicada á xeración de informes legais e técnicos de coches de segunda man.
· Edatec, consultoría viguesa de estudos ambientais e elaboración de informes acústicos, ademais de formación ambiental.
· Funámbulos, proxecto de Vigo de psicoterapia individual e grupal, apoio educativo, asistencia especial e orientación familiar/parental, ademais de actividades para mellorar o rendemento persoal das persoas.
· Gamerswalk, plataforma creada en Oleiros de lecer dixital dentro do sector dos eSports, os deportes en liña.
· A Guagua, empresa ferrolá de servizos para a familia e a nenez, centrada no lecer educativo, a animación e os eventos infantís.
· Help Flash, marca nada en Vigo, comercializa unha baliza luminosa de sinalización viaria de uso legal que se activa de maneira automática por magnetismo ao contacto cunha zona metálica.
· Opseeker, empresa de Ames que fornece servizos de adestramento financeiro en liña para empoderar á mocidade mellorando a súa saúde financeira.
· Osigris, nova firma viguesa de agricultura de precisión, baseada na utilización de SIX para aumentar a cantidade de datos que se poden recoller de calquera cultivo.
· Plagoo, de Vigo, especialistas en xestión integral de pragas que desenvolven un plan específico para cada instalación, apostando pola innovación e técnicas seguras para clientes e medio ambiente.
· Psico VR, software desenvolvido para lentes de realidade virtual que nace en Pontevedra para converterse nun produto indispensable no tratamento de fobias e trastornos.
· Send2me, de Pontevedra, é unha solución tecnolóxica que transforma as caixas de correos tradicionais nun sistema intelixente e autónomo que é quen de recibir paquetes sen que o receptor estea presente.
· SomosOceano, marca de moda atlántica, con sede en Vigo, que confecciona pezas de algodón orgánico onde o norte, o mar e a idiosincrasia galega son os protagonistas.
·Yaracan, empresa tamén de Vigo que traslada de forma profesional os beneficios que achegan os animais póndoos a disposición dos especialistas, en contornas hospitalarias, educativas ou asistenciais.
A innovación enche as candidaturas dos premios anuais de AJE Galicia
Compartir Este Artigo
