
A persoa encargada de impartir a sesión será César González, director executivo (CEO) de Contact Comunicación, empresa local responsable de senlleiros desenvolvementos tecnolóxicos, como por exemplo Orama, unha innovadora ferramenta de promoción socio-cultural que aposta, precisamente, pola dixitalización, a dispoñibilidade e a ubicuidade. González, na súa intervención, mostrará as fórmulas máis axeitadas para que as PEME poidan captar novos clientes a través da modernización TIC dos seus negocios. Estes procesos, adianta o responsable de Contact, “permiten crear un ecosistema que axuda á empresa a estar presente en todas as fases da venda”.
O almorzo, que terá lugar o mércores 18 de abril a partir das 9.30 no Edificio CEI, está aberto a inscrición gratuíta.
Esta serie de almorzos tecnolóxicos enmárcase no obxectivo de Tecnópole de contribuír a promover activamente a competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. Este formato de participación reducida procura, en palabras da Tecnópole “a actualización de coñecementos sobre temas legais, administrativos, comerciais ou relativos a tendencias do mercado” e concíbese “como un espazo de relación entre as empresas do Parque entre elas e con outras, xa sexa en termos de contactos comerciais ou para o inicio de proxectos de innovación conxuntos”.
