Este 26 de abril celébrase no Campus de Elviña unha nova edición (a sexta) da quedada solar da UDC. Ou sexa, da xuntanza dirixida a reivindicar o potencial das enerxías renovables, neste caso a que vén do sol, para facer o que viñamos facendo ata o de agora pero co engadido extra (un engadido moi importante) de deixarmos a mínima pegada medioambiental. A cita será a partir das 10.00 horas no aparcadoiro do edificio Xoana Capdevielle. O Encontro Solar contará coa participación activa do Centro de Investigación TIC (CITIC), que ofrecerá unha visita guiada polas súas instalacións e mostrará aos participantes como funcionan unhas instalacións (as do CITIC) que se abastecen enerxeticamente da enerxía que proporciona o sol (a través das placas fotovoltaicas que ten na cuberta).
Ao fío da súa participación no evento, o CITIC lembra que esta responde directamente á súa pola política ambiental baseada na eficiencia enerxética “Queremos agradecer á organización e participantes todo o apoio ao evento, co obxectivo común de implantar a enerxía solar na vida diaria e fomentar o seu uso”, engade o centro de novas tecnoloxías.
Volvendo ao Encontro Solar, sinalar que se trata dunha actividade a cabalo entre o científico, o medioambiental e o lúdico, no que se demostran as utilidades da luz natural para facer cousas como cociñar ou mesmo facer música. Segundo os organizadores, trátase dunha oportunidade inmellorable para amosar diferentes, innovadores e sorprendentes aproveitamentos da enerxía solar. A previsión é a de xuntar, novamente, un centenar de cociñas solares no aparcadoiro do edificio Xoana Capdevielle.
Este ano contarase cunha mesa de experimentación e aprendizaxe de distintos aparellos solares e a exposición itinerante A Enerxía Solar por parte da Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). O banquete colectivo estará amenizado outro ano máis coa música do picadiscos da Escola de Imaxe e Son do CIFP de Someso, cuxa mesa de traballo funciona grazas á enerxía obtida de varias placas solares.
A actividade forma parte do Proxecto UDC + Fundación Alcoa.
O CITIC mostrará a súa aposta medioambiental no Encontro Solar na UDC
Compartir Este Artigo
