A rede de alta velocidade avanza a paso firme polos nosos espazos industriais. Un dos complexos empresariais máis recentes en subirse ao carro da banda larga avanzada que proporciona a tecnoloxía Fiber To The Home (FTTH) é o Polígono Industrial da Portela, en Cangas, dando como resultado que as tres ducias de empresas alí radicadas teñan xa acceso a Internet con velocidades de ata 350 Mbps. O responsable do despregue foi a operadora de raizame galega R, ao abeiro das liñas de traballo fixadas no Plan de Banda Larga 2020 posto en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Segundo explican, o parque empresarial de Cangas é un dos nove polígonos da provincia de Pontevedra que contarán ao longo deste ano con acceso ás redes ultrarrápidas de Internet que fornece R. En total, estamos a falar de actuacións en 28 complexos industriais pontevedreses (a cifra de total de polígonos beneficiados do plan dende o arrinque das actuacións en 2016).
A operadora e AMTEGA tamén lembraron que as empresas dos polígonos beneficiados, incluídas as ditas 36 de Cangas, poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
R recordou que pon a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posibles grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
Polo que respecta ao Plan en si mesmo, xa completou os traballos de despregue en 56 polígonos da Comunidade e este ano chegará a outros 25 máis. Deste xeito, en 2018, un total de 130 destas áreas industriais, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. Estes labores de cobertura supoñen un investimento total de 5,2 millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e co-financiados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia.
Entre os polígonos galegos cuxa incorporación ás redes ultrarrápidas está prevista para ano atópanse os seguintes: Área Industrial de Agolada, Polígono de Ribadil (A Cañiza), Polígono de Botos (Lalín), Área Industrial a Pedreira (Meaño), Polígono de Afieiras (Moraña), Polígono de Mirallos (Moraña), Polígono de Chan da Ponte (Salvaterra) e o Polígono de Tremoedo (Vilanova de Arousa).
As empresas do Polígono da Portela (Cangas) contan xa con Internet de ata 350 Mbps
Compartir Este Artigo
