O Concello de Lugo vai organizar, xunto con entidades e axentes culturais con presenza na cidade e na súa contorna, un innovador encontro sobre o potencial das novas ferramentas para xerar riqueza (económica, cultural, social) do patrimonio local. Estamos a falar do congreso CTRL-u-Go, unha xuntanza sobre tecnoloxías e recursos para a xestión do patrimonio que vai ter lugar entre os días 11 e 13 de maio nas dependencias do Vello Cárcere (eixe central das actividades) e noutros emprazamentos da cidade, como a propia Muralla Romana, a Facultade de Humanidades ou o café cultural Ho Gruf.
A cita virá da man da Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua (o departamento que dirixe Carmen Basadre), xunto con EidosD. Na presentación participaron a propia Basadre, Uxío Novoneyra e Óscar Penín.
Segundo fixeron saber, con esta actividade conmemórase o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e, neste marco da acción, xorde para xerar reflexión sobre as TIC e a súa confluencia coas humanidades, unha interacción da que abrollan recursos transformadores sociais e importantes achegamentos entre o patrimonio dun país e os seus habitantes (e entre o patrimonio e o turismo).
Carmen Basadre convidou á cidadanía a participar neste evento “diferente e único”, de carácter gratuíto e concibido para profesionais, para estudantes, e para todas aquelas persoas que teñan interese polo patrimonio cultural.
Segundo explicou Novoneyra, CTRL-u-Go “busca varios formatos de presentación de propostas, que consolidan un novo tipo de encontro”. Neste senso, o evento insire dinámicas de reunión e diálogo de diferentes sectores dentro da xestión tecnolóxica do patrimonio cultural.
Entre as actividades incluídas figuran sesións de presentación de metodoloxías e reflexións teóricas (contando coa presenza de profesionais de ampla traxectoria no mundo das humanidades dixitais, da economía colaborativa e dos novos xeitos de tratamento da información), os faladoiros Debate-a-3 (mesas de debate conformadas por profesionais con perfís complementarios e destes cos asistentes, tocando temas como a pescuda de novos xeitos e ferramentas de achegamento ao patrimonio) e un interesante programa de obradoiros (mesas de traballo prácticas nas que se produza o achegamento do público asistente aos conceptos, ás técnicas e aos contido expostos nas sesións e nos debates previos).
Tamén haberá intervencións directas no patrimonio local e unha sección, chamada #Lugografías, na que participarán profesionais da propia cidade debullando a cuestión do patrimonio cultural, literario, gastronómico, arqueolóxico etc. Outro dos puntos máis importantes do programa serán as Barferencias, que son accións a desenvolver en colaboración con establecementos de hostalería coas que se busca reivindicar a taberna tradicional “como centro de transmisión dos coñecementos en patrimonio”.
Entre os relatores atópanse o profesor da Universidade de Barcelona, Jordi Tresserras, o licenciado en dereito e especialista en propiedade intelectural, Javier de la Cueva; e o representante do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos dende o ano 2002, Alfonso Sánchez. Así mesmo, participará a directora do principal congreso sobre divulgación do patrimonio no eido iberoamericano, Sabah Alid; a brigada de investigación do patrimonio histórico, Trazers.com (o Facebook da cultura), a luguesa, profesora de Humanidades e directora do Centro de Estudos da Cidade de Lugo, Ana Goy, e o catedrático de opinión pública Víctor Sampedro. Para máis información, cómpre visitar en www.lugoemundial.com ou nas redes sociais do evento.
Lugo ponse na vangarda tecnolóxico-patrimonial co congreso CTRL-u-Go
Compartir Este Artigo
