A ciberseguridade cobra cada vez máis importancia nas nosas vidas. E isto non o dicimos nós unicamente, nin tampouco a comunidade de expertos en materia de hacking ético, protección de datos e outras cuestións, senón tamén a propia cidadanía. Segundo o estudo máis recente de OSIMGA (Ciberseguridade e confianza dixital nos fogares galegos. Edición 2017), o observatorio da axencia AMTEGA, a seguridade TIC preocupa aos galegos e o 90% considera “recomendable” ter máis información para navegar de xeito seguro pola Rede. O obxectivo deste informe, que salienta tamén por ser o primeiro destas características que desenvolve o Goberno autonómico, é avaliar ata que punto temos coñecementos das implicacións de protexer (ou non) os datos persoais propios e dos demais nas redes.
O que si está claro é que non temos confianza na Rede. De feito, na investigación dise que o 38,2% dos internautas galegos confían pouco ou nada en Internet, o que nos sitúa entre as comunidades cuxos habitantes menos se animarían a poñer a man no lume pola seguridade dos servizos dixitais. Por outra banda, un 28,9% dos está “moi preocupado pola privacidade en Internet” e amósase “preocupado ante a posibilidade de que as súas actividades en Internet poidan ser gravadas por outras persoas ou empresas”.
No informe tamén se guinda outro dato de interese: preto da metade dos internautas da nosa terra, o 47,4%, declararon ter sufrido algún incidente coa seguridade en Internet no último ano. Os virus son os incidentes máis habituais (36,9%,) seguidos pola perda involuntaria de información (12%).
Por outra banda, o observatorio constatou que o 69,1% dos internautas galegos empregaron algún tipo de software ou ferramenta de seguridade e que entre as medidas de seguridade e privacidade adoptadas salientan a denegación de permiso de información persoal para fins publicitarios (78,9%) e a limitación do perfil ou contidos das redes sociais (77,2%). Ademais, máis da metade dos usuarios das TIC da nosa terra (51,1%) realizan decote copias de seguridade da súa información persoal.
A investigación destaca que no caso concreto das medidas de seguridade aplicadas nos teléfonos móbiles ou tabletas, o recurso de protección máis empregado polos internautas galegos é o uso do PIN de desbloqueo (81,6%), seguido a moita distancia polo uso da pegada dixital ou datos biométricos (23%).
Por outra banda, un 40,2% dos internautas galegos verifica que as redes Wi-Fi distintas á do seu domicilio cumpre cuns requisitos mínimos de seguridade e só se conecta a redes sen fíos con seguridade.
Os galegos queremos estar máis protexidos da ameazas de Internet
Compartir Este Artigo
