
A responsable destes traballados foi novamente a operadora de raizame galega R, ao abeiro das liñas de traballo fixadas no Plan de Banda Larga 2020 posto en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Segundo informan, os ditos dous polígonos forman parte das 81 superficies empresariais da nosa terra que tirarán proveito do dito Plan.
A operadora e AMTEGA tamén lembraron que as empresas dos polígonos beneficiados, incluídas as 40 dos polígonos de Cerceda e As Pontes, poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Asemade, explicaron que as actuacións do Plan deron comezo en en agosto 2016 e ao remate de 2017 había xa 22 polígonos da provincia da Coruña co dito servizo de banda larga ultrarrápida. Ao remate de 2018 cumprirase o obxectivo dos 27 previstos no programa, que sumados aos que xa dispoñían deste servizo, suporá que o 98% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Ademais, como complemento a esta actuación, AMTEGA abriu en 2017 unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural. Destináronse preto de 400.000 euros a subvencionar solucións específicas a máis de 30 empresas que agora dispoñen de velocidades de acceso a internet de entre 50Mbps e 350Mbps.
R e máis a axencia que dirixe Mar Pareira tamén recordaron que pon a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posibles grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
40 empresas das Pontes e Cerceda xa teñen ao seu dispor redes ultrarrápidas de ata 350 Mbps
Compartir Este Artigo
