Din os expertos que as empresas que non se dixitalicen e aposten por métodos eficaces de traballo, non sobrevivirán. Por que motivo? Pois porque a fórmula de producir e agardar cos brazos cruzados a que alguén merque o noso produto, rematou. Fai falta escoitar as redes, tomarlles o pulso, analizar información, axilizar procesos e adiantarnos ás demandas e necesidades dos nosos reais ou posibles clientes. Podemos facer isto sós? En parte si, pero hai ferramentas coas que podemos afinar puntería. Por exemplo Scrum, Scrumban e Lean Software. Axudarnos a coller as rendas das mesmas é o gran obxectivo dunha das actividades formativas de Vitae Consultores que ten acadado máis sona e repercusión. Falamos do Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software, que chega á súa 22 edición preparando aos nosos profesionais coma se foran viaxeiros experimentados. A idea é favorecer que minimicen esforzos, que atopen as mellores rutas posibles, que optimicen o rendemento e que se fagan co equipo máis axeitado.
A actividade formativa celébrase en Vigo (sede de Afundación na rúa Policarpo Sanz) os días 15, 16, 22 e 23 de xuño.
Para quen non o saiba, trátase dunha actividade formativa de 20 horas dirixida a familiarizar aos nosos profesionais para aplicar os devanditos modelos de traballos áxiles (Scrum, Scrumban e Lean), uns modelos que introducen factores extra de eficacia, rendibilidade e sintonía cos clientes (axudando aos primeiros a anticiparse ás demandas dos segundos mesmo antes de que sexan achegadas).
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está igualmente nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática pola Universidade de Vigo. Actualmente é responsable da área de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e de predición (PMI, CMMI) para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo. Entre as empresas e organismos que ten asesorado figuran as seguintes: ESA (Axencia Europea do Espazo), o devandito CTAG, o Centro de Investigación TIC (CITIC), Tecnocom, SIVSA, SERESCO, Coremain, Balidea, Dayco Ensa, Grupo Antolín, PGA, ASM Soft, SoftWcare, Discalis, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago, a Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, Visual MS, Telek, Imaxdi e OpenHost, entre outras entidades.
Vitae recunca cunha nova edición do seu histórico curso sobre Scrum, Scrumban e Lean
Compartir Este Artigo
