O Concello de Santiago vén de presentar unha nova aplicación móbil para facilitar o día a día dos cidadáns e tamén dos visitantes. Desta volta, trátase de poñer as cousas o máis doadas posible aos condutores que estacionan os seus vehículos nas zonas ORA. Estamos a falar de Moviltik, unha ferramenta que substitúe á actual E-park e que salienta, en palabras do Goberno local, por ser sinxela e de doada compresión. Coma no anterior recurso móbil, Moviltik elimina a necesidade de desprazarnos ata o parquímetro máis próximo para validar o billete da ORA, pero cun sistema de pago diferente do habitual.
A principal novidade reside no seguinte: se ben E-Park obrigaba a inserir unha carga no monedeiro (o que implicaba adiantar cartos para o seu emprego), con Moviltik só teremos que pagar polo tempo exacto no que teñamos estacionado o noso vehículo. E ademais, coa vantaxe de ceibar o proceso de axentes depositarios, porque o pago vai directamente á tarxeta dos condutores e condutoras. A app, ademais, conta cunha opción chamada Desaparcar, que poderá ser empregada cando teñamos que abandonar a praza de estacionamento, de xeito que se abonará a cantidade correspondente ao tempo exacto no que ficamos aparcados.
Estes e outros datos foron dados a coñecer onte polo concelleiro Xan Duro e polo xerente da empresa municipal TUSSA, José Ramón Mosquera, que recomendaron á cidadanía que, con motivo da posta en marcha da nova aplicación, esgoten o saldo que teñan dispoñible nas vindeiras dúas semanas. Xan Duro apuntou que a nova aplicación, Moviltik, “será a utilizada durante un período de transición estimado dun ano, pero a intención é licitar posteriormente o servizo, de forma conxunta coa aplicación no novo contrato do transporte urbano”.
Moviltik está dispoñible para a súa descarga nas plataformas Android e iOS, e ficará activa para Compostela a partir do 15 de xuño. Mosquera recoñeceu que “o bo funcionamento da aplicación para o pago dende o móbil é unha das preocupacións de TUSSA durante o proceso de municipalización, porque é un sistema que utilizan o 33% dos condutores e condutoras e un asunto polo que se veñen interesando as persoas usuarias reiteradamente nos últimos meses”. O xerente de TUSSA tamén salientou que esta aplicación “é moi ben valorada polo 85 por cento dos usuarios e usuarias porque é cómoda, sinxela e moi segura”.
Santiago estra nova app para o pago da ORA dende o móbil
Compartir Este Artigo
