
A ferramenta, que fornece ás mariscadoras de recursos para optimizaren as quendas e información cumprida e actualizada sobre cotas e notificacións, vén da man do emprendedor arousán Pablo Dorgambide, quen amais de ser enxeñeiro industrial e especialista no desenvolvemento de recursos tecnolóxicos ligados aos novos dispositivos, é coñecedor das principais necesidades e requirimentos (laborais, de xestión, de organización, de coordinación, de comunicación) dos colectivos ligados ao mar cos que convive.
A día de hoxe, segundo informa Pablo, Xesmar está a ser testada polas confrarías de Vilanova e Cambados, ás que lles ofrece unha serie de vantaxes e funcionalidades que fan máis doado o seu labor. Por exemplo, permítenlles ter un control automático dos traballos a realizar de quen os desenvolve. Ademais, a nivel comunicativo e organizativo, o sistema subministra nos móbiles da comunidade de implicadas/os todos os avisos e notificacións que abrollen das confrarías. Pablo Dorgambide, cuxa empresa coñécese como Qualigy Solution, sinala que a iniciativa “está a ter boa aceptación entre as mariscadoras” e que “o 70 % das usuarias que instalaron a aplicación entran nela a diario”.
O obxectivo do emprendedor é sumar outras confrarías á “comunidade”, todas elas compartindo unha base tecnolóxica común (unha base tecnolóxica que consiste en automatizar, rendibilizar e optimizar unha metodoloxía de traballo tradicional, a dos labores de marisqueo ao abeiro das confrarías, dunha maneira intuitiva, sinxela e moi doada de integrar) pero en cada caso particular atendendo ás necesidades específicas de cada entidade profesional.
As mariscadoras de Arousa tiran proveito da aplicación galega Xesmar
Compartir Este Artigo
