Os profesionais das novas tecnoloxías e en xeral dos ámbitos máis innovadores deben ser en boa medida como deportistas, adestrándose cada pouco, tentando sacar o mellor de si mesmos e buscando en todo intre novas e interesantes actividades de capacitación. Por outra banda, tanto no deporte como nas TIC é fundamental o bo traballo en equipo: na compaña da nosa equipa rendemos máis e mellor. En que se traduce todo isto? En sermos bos creadores de programas e ferramentas. Unha parte importante das accións formativas da consultora galega Vitae diríxese precisamente a isto: a avanzar no camiño da autosuperación e dos mellores escenarios posibles para o traballo en colectividade. Por exemplo a nova edición, a segunda, do Curso Angular 6: Desenvolvemento avanzado de aplicacións empresariais.
Trátase dunha actividade formativa de 20 horas, unha actividade na que se aborda de cheo o estudo das prácticas precisas para proxectos TIC avanzados (polo que se require aos asistentes contar cunha base de coñecementos mínima neste ámbito). Realizarase na Coruña (os días 6, 7, 13 e 14 de xullo) no Hotel Attica 21 (número 34 da rúa Enrique Mariñas).
Segundo explica Vitae, o contido do curso abrangue un amplo abano de conceptos e temáticas, dende o deseño con Material Design aos procesos de despregue empregando a renderización do lado do servidor e a creación de aplicacións web progresivas. Asemade, abordarase o uso de estratexias de localización de cambios e o patrón Redux. “Ao remate do obradoiro”, explican os organizadores do mesmo, “o alumnado será quen de crear aplicacións que aproveitan o mellor do framework e o mellor da plataforma web”, dando forma a proxectos cun aspecto e (tamén) cun comportamento máis depurado e con alto rendemento. O curso vai dirixido principalmente a programadores con experiencia en Angular. Terá, como dixemos, unha duración de 20 horas.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.
Todo o que quixemos saber sobre Angular 6, ao detalle nun novo curso de Vitae
Compartir Este Artigo
