Un proxecto para botar unha man á nosa mocidade no que se refire ao futuro profesional de cada quen. Este é o alicerce de Que no te cuenten historias, unha iniciativa impulsada por ABANCA (Obra Social) e a youtubeira galega Percebes y Grelos para, en clave de humor e apoiándose directamente nas redes sociais (YouTube, Twitter e demais), despexar brétemas profesionais entre as nosas mozas e mozos acabadas/os de graduarse. A iniciativa xa comezou a facer ruído cunha serie de vídeos de Percebes y Grelos caracterizada da pitonisa Carolina La Divina. Esta, mediante a lectura de cartas, adícase a ofrecer solucións de futuro aos estudantes.
O obxectivo da Obra Social de ABANCA é “poñer de manifesto a incerteza á que se enfrontan os rapaces e rapazas que acaban de rematar os seus estudos superiores e non saben cara a onde continuaren coa súa formación ou a súa carreira”. Sendo consciente desta realidade, a entidade deseñou o proxecto Que no te cuenten historias, que tamén envorca esforzos en adestrar (a través de diferentes propostas de gamificación) as habilitades e competencias da nosa comunidade de estudantes e futuros profesionais.
Esta proposta collerá corpo nas Xornadas Que no te cuenten historias que se celebran 4 de xullo en Vigo e o 5 de xullo na Coruña. Os asistentes terán a oportunidade de potenciar o seu talento creativo, comunicativo e de traballo en equipo co asesoramento de profesionais do ensino e da empresa, convertidos por un día en adestradores persoais para o desenvolvemento de habilidades.
Ademais, os participantes recibirán un informe personalizado no que se identificarán diferentes competencias profesionais e a súa puntuación en cada unha delas, unha ferramenta que en palabras de ABANCA “permitiralles coñecer os seus puntos febles e potenciar as súas fortalezas”.
A protagonista desta iniciativa é a polifacética Carolina Iglesias, máis coñecida como Percebes y Grelos. Natural de Oleiros, con 18 anos xa conseguiu representar un dos seus monólogos en Comedy Central. Na actualidade crea contido para a súa canle de Youtube e conta con milleiros de seareiros nas redes sociais, o que a converteu nunha das maiores influencers a nivel estatal.
A youtubeira Percebes y Grelos súmase a ABANCA para botar unha man á mocidade pre-traballadora
Compartir Este Artigo
