As novas tecnoloxías e os zombis serán dous dos eixes temáticos da nova edición de PonteVerán (formato PDF), o programa estival de actividades do Concello de Pontevedra, especialmente dirixido á xuventude. A iniciativa foi dada a coñecer a semana pasada polo concelleiro de Xuventude, Alberto Ouviña, quen salientou “a calidade, a cantidade a diversidade” da mesma. No que se refire a formatos, haberá accións de lecer alternativo e lúdico-formativas, con especial atención á igualdade, á actividade física e máis ao respecto polo medio ambiente e patrimonio. E, como diciamos ao comezo, haberá novas tecnoloxías e “xente resucitada”. O motivo? A celebración dunha cita terrorífica, Terra de zombies, o 31 de xullo, para mozas e mozos de entre 16 e 35 anos.
Trátase, máis polo miúdo, dun xogo de rol en vivo cuxo obxectivo non é outro que procurar “a diversión en grupo”. Nun primeiro intre, a actividade incluirá unha explicación do xogo (obxectivos, normas de respecto entre compañeiras e compañeiros para logo pasar á caracterización dos participantes e encetar a actividade si mesma).
Segundo explicou Alberto Oubiña acerca das temáticas a tratar, nesta edición, “atendendo a demanda que temos dende hai tempo” incorpóranse á oferta de PonteVerán varios obradoiros e cursos relacionados coas novas tecnoloxías (de informática, de programación, de navegación, de robótica, de holografía e realidade virtual, etc). Isto responde á necesidade de fornecer á mocidade de accións acordes cos seus intereses. Na súa opinión, “cómpre non esquecer que xa temos máis dunha xeración nativa dixital”.
O programación de PonteVerán vai dirixida a nenos/as e mozos/as de 8 a 35 anos. As máis das actividades son de balde, xa que “as cuestións económicas non deben ser razón para non participar”, sinala Oubiña. As solicitudes para participar nas actividades de PonteVerán poden facerse a partir do 11 de xuño en: apuntate.pontevedra.gal
Novas tecnoloxías e zombis, eixes do programa PonteVerán de Pontevedra
Compartir Este Artigo
