Facebook está preparar novas ferramentas para os creadores de contidos na súa plataforma, de xeito que poidan conectar mellor cos seus seareiros e conseguir mellorar os seus negocios, o que vai ter un impacto directo nas posibilidades que ofrece o vídeo, tanto en directo como baixo demanda, no que será posible introducir dende enquisas ata xogos, de xeito que será posible que calquera creador con acceso a este programa poida realizar concursos de preguntas na mesma liña que os da aplicación HQ Trivia, prestacións que nas vindeiras semanas aproveitarán varios programas de Facebook Watch en EE.UU.
Os creadores tamén poderán permitir que os seus seareiros amosen o seu apoio de xeito económico (4,99 dólares/mes), o que abriralles o acceso a contidos exclusivos e recibirán tamén un identificador para que os creadores poidan identificar quen son os usuarios máis comprometidos. O número de creadores nos EE.UU. que tamén teñen dispoñible a posibilidade de programar pausas publicitarias tamén está a ampliarse, procedemento que está a desenvolverse en fases, dando prioridade aos creadores que publica vídeos de longa duración.
De cara aos negocios, Facebook estrea un administrador de colaboracións para marcas, un panel de control que facilita o descubrimento de creadores aos que propor contido patrocinado, plataforma que polo momento só está aberta a unhas poucas marcas, pero que abrirase a moitas máis en breve.
Facebook permitirá crear concursos nos vídeos en directo
Compartir Este Artigo
