A presentación de Apple de onte trouxo algunhas sorpresas, como que por fin teriamos o Apple Watch con LTE en España da man de Orange e Vodafone, que os iPhone Xs, Xs Max e Xr poderían gozar de 2 SIM tirando proveito das eSIM (para o que confirmaron que contarían con Vodafone) ou incluso que o HomePod chegará finalmente a España o 26 de outubro a un prezo de 349 euros.
Pero pasada a romaría comezan a emerxer informacións que poden resultar interesantes, pero sobre as que Apple non deu detalles no escenario, como o feito de que o iPhone X deixaba de venderse oficialmente, o que tamén pasa co iPhone 6S e o iPhone SE, de xeito que a oferta de móbiles de Apple queda fixada cunha particularidade: xa non hai modelos con toma de auriculares tradicional. Amais, os novos iPhone deixarán de incluír un adaptador de jack de auriculares a Lightning.
Sorprende ver que, mentres Apple está a imaxinar un futuro sen auriculares con cable, non renovasen os seus AirPods, especialmente porque esperábase a súa renovación para, por exemplo, incorporar unha caixa que permite a súa carga na AirPower, base de carga sen fíos anunciada en setembro de 2017 e que algúns confiaban que chegase ao mercado este mesmo mes, pero que tras o evento de Apple parece case desaparecida da páxina web da compañía, o que podería indicar que están a ter problemas para facela realidade.
Cando saíu á venda o iPhone X tamén había moita expectación para saber o que custaría reparar a súa revolucionaria pantalla (321,10 euros). As novas tarifas de reparación non son moi diferentes, de xeito que arranxar a pantalla dun iPhone X ou iPhone Xs custará 311,10 euros, mentres que facer o mesmo cun iPhone Xs Max custará 361,10 euros. No caso de estragarse a batería dos novos móbiles, a súa substitución fóra de garantía custaría 69 euros.
Lembremos que ata o 31 de decembro, a substitución de baterías degradadas de móbiles que van dende o iPhone SE ata o iPhone X ten un prezo reducido especial de 29 euros.
Apple deixa de vender móbiles con porto de auriculares
Compartir Este Artigo
