Tras a presentación dos novos Huawei Mate 30 e Mate 30 Pro quedaba no aire a incógnita de como serían aceptados polo mercado europeo estes terminais cun grande hardware que terían unha seria eiva: non incluirían os servizos de Google preinstalados.
Aínda que é de esperar que haxa vairas solucións para poder gozar dos novos Mate 30 cos servizos e aplicacións de Google de xeito non oficial, veñen de amosar como é xa posible a instalación dos servizos de Google Play e a tenda de aplicacións de Google para poder gozar dos smartphones de Huawei coma se dun teléfono con Android normal se tratase, e o proceso non é demasiado complexo: chega con visitar unha páxina web dende a que descargar un instalador ao que haberá que dar permiso para executarse, de xeito que despois contaremos coa tenda de aplicacións de Google Play dende a que instalar as aplicacións de Google (e doutras compañías) con total normalidade.
O proceso pode completarse en menos de 5 minutos, e quen xa leva uns días probando o seu funcionamento aseguran non ter problemas de funcionamento, ou sexa, que estariamos ante unha situación semellante á de boa parte dos smartphones que hai uns anos se importaban de China e dende os que tamén había que recorrer a uns instalador para engadirlle os servizos de Google (que non inclúen de fábrica por estar prohibidos en China).
Vídeo no que podemos ver como instalar os servizos e programas de Google nos Huawei Mate 30 e Mate 30 Pro
